As famosas Cantareiras de Ardebullo abren as portas do Antroido coa banda sonora das verbenas galegas

MECO_2011Unha provocativa Meca presidirá desde mañá as festas da cidade no balcón do Pazo de Bendaña

Para participar no desfile do Martes hai que anotarse no Teatro Principal antes do luns-7 ás 14:00 horas


Horas antes do inicio das festas de Don Carnal, os composteláns frótase as mans ao pensar en todo o bo que lles espera para os próximos días. Como de costume, as familias organizan comidas típidas das festas e os postres da nosa terra, orellas e filloas. Pero ademais, nas rúas todo está disposto para o comezo da música e as máscaras.
As actividades comezán mañá sábado a primeira hora, con obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras na praza do Toural, de 12:00 a 14:30 horas. Ás 20:00 horas as comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño animarán ao público do Toural. De seguido, terá lugar o pregón, que este ano protagonizará a parella cómica máis divertida de Galicia, as Cantareiras de Ardebullo, NUCHA E MUCHA. Estarán acompañadas pola Ardebullo Bin Ban.

Un humor hiperenxebre

Ademais das palabras típicas dun pregón, as famosas Cantareiras da televisión uniranse á festa para o baile que amenizará a orquestra Ardebullo Bin Ban, unha formación de once músicos, liderada polo mítico vocalista Sito Sedes, que recrea o espírito das grandes orquestras galegas. Durante dúas horas, Nucha e Mucha farán de mestras de cerimonia animando a todo o público a bailar cos grandes clásicos da música galega a modo do estilo das míticas verbenas ou dos shows que todos os domingos soían animar as salas de festas de moitas vilas galegas.

A Meca como protagonista

Ás 20:30 horas terá lugar a subida do Meco aos balcóns do Pazo de Bendaña,desde onde controlará todos os movementos das festas ata a súa queima o próximo mércores. O concepto da figura, realizado polo escultor José Manuel Méndez, é localista pero con alusións globais, que por primeira vez se constrúe con corpo de muller.

Cunha iconografía inspirada no parteluz do Pórtico da Gloria, recréanse tres ambientes: na súa parte inferior sitúase o inframundo no que  a crise, representada por Sansón, asfixia mesmo as feras máis poderosas; no centro atopamos os problemas de cotío, representados polo andamiaxe na loita contra o efecto do tempo, e tamén os visitantes de fóra representados pola pegada da man na columna e a presenza do Meco, catalizador de todos os nosos males, que este ano coquetea co trofeo do Mundial de Fútbol situado na Gloria; e na parte superior, o ceo, ocupado pola devandita Copa constelada coa aura da glorificación, coma elemento da súa sacralización en Santiago e no Mundo. “Outros elementos que fan único este Meco son a total ausencia de billetes ou  cartos, xa que parece que están desaparecendo” –explicou Méndez.

Desfile e concurso de disfraces polas rúas do Ensanche

Para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados poden anotarse no Teatro Principal (Rúa Nova, 21) ata o luns-7 ás 14:00 horas – e así poder optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada, mellor disfraz individual e premio especial á mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello de Santiago (incompatible cos outros premios).