As famosas Cantareiras de Ardebullo abren as portas do Antroido coa banda sonora das verbenas galegas
- Detalles
- Categoría: Festas Concello Santiago
- Published: Venres, 04 Marzo 2011 12:05
- Visitas: 760

Para participar no desfile do Martes hai que anotarse no Teatro Principal antes do luns-7 ás 14:00 horas
Horas antes do inicio das festas de Don Carnal, os composteláns frótase as mans ao pensar en todo o bo que lles espera para os próximos días. Como de costume, as familias organizan comidas típidas das festas e os postres da nosa terra, orellas e filloas. Pero ademais, nas rúas todo está disposto para o comezo da música e as máscaras.
Un humor hiperenxebre
Ademais das palabras típicas dun pregón, as famosas Cantareiras da televisión uniranse á festa para o baile que amenizará a orquestra Ardebullo Bin Ban, unha formación de once músicos, liderada polo mítico vocalista Sito Sedes, que recrea o espírito das grandes orquestras galegas. Durante dúas horas, Nucha e Mucha farán de mestras de cerimonia animando a todo o público a bailar cos grandes clásicos da música galega a modo do estilo das míticas verbenas ou dos shows que todos os domingos soían animar as salas de festas de moitas vilas galegas.
A Meca como protagonista
Ás 20:30 horas terá lugar a subida do Meco aos balcóns do Pazo de Bendaña,desde onde controlará todos os movementos das festas ata a súa queima o próximo mércores. O concepto da figura, realizado polo escultor José Manuel Méndez, é localista pero con alusións globais, que por primeira vez se constrúe con corpo de muller.
Cunha iconografía inspirada no parteluz do Pórtico da Gloria, recréanse tres ambientes: na súa parte inferior sitúase o inframundo no que a crise, representada por Sansón, asfixia mesmo as feras máis poderosas; no centro atopamos os problemas de cotío, representados polo andamiaxe na loita contra o efecto do tempo, e tamén os visitantes de fóra representados pola pegada da man na columna e a presenza do Meco, catalizador de todos os nosos males, que este ano coquetea co trofeo do Mundial de Fútbol situado na Gloria; e na parte superior, o ceo, ocupado pola devandita Copa constelada coa aura da glorificación, coma elemento da súa sacralización en Santiago e no Mundo. “Outros elementos que fan único este Meco son a total ausencia de billetes ou cartos, xa que parece que están desaparecendo” –explicou Méndez.
Desfile e concurso de disfraces polas rúas do Ensanche
Para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados poden anotarse no Teatro Principal (Rúa Nova, 21) ata o luns-7 ás 14:00 horas – e así poder optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada, mellor disfraz individual e premio especial á mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello de Santiago (incompatible cos outros premios).