Unha festa multimedia e pirotécnica despedirá a última noite do ano desde a praza da Quintana

Repartiranse 2.500 bolsas de uvas e cotillónfinano

• O actor Carlos Blanco fará de mestre de cerimonias

• A música chegará coa orquestra Olympus, que actuará no Obradoiro despois das doce badaladas

O concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa a festa de Noitevella, un espectáculo multimedia e pirotécnico organizado en colaboración co Consorcio de Santiago para despedir o Ano Santo e dar a benvida ao 800 aniversario da Catedral de Santiago que se celebrará durante o 2011. O presuposto da actividade foi de 60.000 euros.

“A festa está pensada para que os verdadeiros protagonistas sexan as persoas presentes na Quintana. Cun mellor tempo que o ano pasado esperamos encher a praza” –indicou Baqueiro. A noite comezará ás 23:00 horas co reparto do cotillón e das uvas. Nesta ocasión, Baqueiro anuncio que se contará coa colaboración do actor e humorista galego Carlos Blanco, que actuará como “un auténtico mestre de cerimonias” para introducir a festa-espectáculo de fin de ano.

Ás 23:50 horas a Torre da Berengela estará iluminada por varias proxeccións a cargo da empresa Thematica, que xa foi a responsable dos efectos audiovisuais dos Fogos do Apóstolo, acompañando á empresa de Vicente Caballer.

Xa cos cuartos, o público da praza verá o reloxo da Berengela iluminado, dando paso ao son das doce badaladas. De seguido, haberá unha explosión de luz, son e fogos artificiais.

A continuación, a festa continuará na praza do Obradoiro coa música e bailes da orquestra Olympus de Negreira, ben coñecida polo seu afán de facer gozar ao público, como demostraron fai un tempo alcanzando o marca de actuación continuada durante 24 horas.