A Concellaría de Festas inaugura o sábado unha pista de patinaxe sobre xeo e o encencido da iluminación e da árbore de Nadal na Praza Roxa

NadalXosé Baqueiro: “Trece rúas e tres prazas do Ensanche contarán con iluminación e a Praza Roxa terá un abeto de dez metros de altura con máis de 5.000 puntos de luz”

Son actividades programadas en colaboración coa Fundación Santiago Centro Área Comercial


O concelleiro de Xuventude e Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa o programa de actividades para o Nadal na Praza Roxa e no resto do Ensanche, que organiza conxuntamente coa Fundación Santiago Centro Área Comercial. Na presentación estivo acompañado polo presidente da asociación, José Mª Fernández.
Esta colaboración xurdiu grazas a unha serie de reunións que o concelleiro de Festas mantivo con diversas asociacións da cidade, como Acotés, Compostela Monumental ou Santiago Centro. Segundo indicou Baqueiro, esta última foi a única entidade que presentou unha proposta. Así, este traballo conxunto deu como resultado a programación de catro actividades para estas datas: a decoración e iluminación navideña, unha pista de patinaxe sobre xeo ecolóxico, actividades de cultura urbana e a visita do carteiro real.

En primeiro lugar, a iluminación do  Ensanche e a árbore de Nadal que presidirá a Praza Roxa inauguraranse este sábado-18 pola tarde e estarán encendidos ata o 6 de xaneiro. “En total trece rúas e tres prazas do Ensanche contarán con iluminación e a Praza Roxa terá un abeto de dez metros de altura con máis de 5.000 puntos de luz” –indicou Baqueiro.

Patinaxe sobre xeo no centro da cidade

Tamén a Praza Roxa estará ocupada desde este sábado ata o 9 de xaneiro por unha pista de patinaxe sobre xeo para o goce de todos os pequenos. As súas dimensións (20x8 metros) darán cabida a todos os rapaces que desexen pasar unha tarde divertida das súas vacacións. A atracción deportiva estará aberta entre as 12:00-14:00 horas e as 17:00-21:00 horas, previo pago dunha entrada simbólica de só tres euros por 45 minutos en pista. O director de Santiago Centro aclarou que os seus asociados recibirán vales gratuítos para esta actividade. O coste total da instalación é de 30.000 euros, financiados ao 50% por ambas partes e co apoio de diversos patrocinadores.

Ademais, os días 2 e 3 de xaneiro os rapaces poderán participar en actividades de cultura urbana, como os xogos de rol e estratexia ou a práctica do hip hop. Finalmente, un ano máis o Carteiro Real chegará á Praza Roxa o 4 de xaneiro para atender as peticións dos nenos e levar as cartas as súas maxestades os Reis Magos de Oriente.

Pola súa parte, José Mª Fernández agradeceu á concellaría de Festas a boa vontade  para poñer en marcha actividades no Ensanche, aspecto que levaban anos demandando. “Coa iluminación e demais actividades poderemos axudar ao comercio desta zona da cidade” –apuntou Fernández.

Axuste presupuestario

Baqueiro fixo referencia ao necesario axuste de presuposto na iluminación derivado da crise económica, que desemboca ademais nun aforro enerxético e na reducción da contaminación lumínica da cidade. Contouse cun presuposto inicial de 120.000 euros para a iluminación de toda a cidade, cunha mellora de 20.000 euros coa colocación de máis arcos lumínicos por parte da empresa proveedora. En total, Santiago contará con 36 rúas iluminadas, seis prazas, dous teitos de luz con 4.200 puntos no Toural e Cervantes, a decoración do Pazo de Raxoi (en colaboración coa Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia), a árbore e o belén do Obradoiro e a iluminación do Paseo Central e dos Leóns na Alameda.