A Concellaría de Festas invita a todos os veciños de Compostela a participar no popular desfile do martes de Antroido, con disfraces orixinais e carrozas de impresión

Un ano máis, a Concellaría  de Festas fai un chamamento aos veciños de Compostela para convidalos a participar nas actividades do Antroido. O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, anima a todos os habituais dos disfraces e a troula en xeral a participar no desfile da popular festa de Antroido do martes-16 de febreiro, que require inscrición previa. O departamento de Baqueiro está ultimando os detalles para os festexos, que se desenvolverán entre os días 13 e 17 de febreiro.

A novidade deste ano é que se instaura unha nova categoría nos premios, dedicada a barrios e parroquias de Santiago. Serán tres galardóns dotados con 600, 450 e 300 euros respectivamente. Segundo a Concellaría, trátase dun aliciente máis para participar e enriquecer a convivencia cidadá nunha xornada festiva tan sinalada.

E coma sempre, o martes de Antroido terá lugar o desfile de carrozas e comparsas no que poderán participar libremente todos aqueles que o desexen. A participación está aberta a todas as parroquias, asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas individuais. Pero para poder desfilar os interesados deben inscribirse na Concellaría de Festas (Teatro Principal, Rúa Nova, 21) antes das 14:00 horas do luns-15 de febreiro.

Unha vez formalizada a inscrición, os participantes só terán que preparar todo e deixalo a punto para o martes de Antroido. O itinerario do desfile, que comezará ás 17:30 horas na Estación de Renfe, será o habitual: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e A Senra, ata acabar na Avda. de Xoán Carlos I.

Segundo o programa previsto, cando cheguen todos os disfraces, comaparsas e carrozas ao punto de chegada, o xurado, disposto desde o inicio na estación do ferrocarril para ver de primeira man os detalles do desfile, deberá deliberar tendo en conta o deseño e creatividade das carrozas, os disfraces e a caracterización dos seus integrantes.

A decisión dos membros do xurado e a entrega de premios será no Paseo Central da Alameda.