A Concellaría de Festas de Santiago recoñece a participación activa de tres comparsas durante máis de vinte anos no Antroido compostelán

Un ano máis, a Concellaría de Festas fai un chamamento aos veciños de Compostela para convidalos a participar nas actividades do Antroido. O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, anima a todos os habituais dos disfraces e a troula en xeral a participar no desfile da popular festa de Antroido do martes-16 de febreiro, cuxa inscrición finaliza o véspera ás 14 horas. A delegación de Baqueiro presentará o programa deste ano, cuxas datas son do 13 ao 17 de febreiro, o próximo martes-9 no Teatro Principal.

A recuperación do carnaval urbano en Santiago data de finais dos anos oitenta, onde durante este tempo se consolidou como unha das “citas imprescincibles e máis participativas” do calendario festivo local, segundo explica Xosé Baqueiro. Por esta razón, a Concellaría de Festas quere expresar a súa gratitude á cidadanía cun recoñecemento público a tres comparsas que, de forma activa e continuada, animan as rúas de Compostela dende hai vinte anos: Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Garanduxos. O vindeiro martes-9, na presentación do programa, o edil Baqueiro fará explícita a distinción.

Ademais, instáurase unha nova categoría nos premios, “para recoñecer de forma xeral o compromiso dos barrios e parroquias co martes de Antroido, día sinalado do programa”, segundo subliña Baqueiro. Serán tres galardóns dotados con 600, 450 e 300 euros respectivamente. O edil agrega que se trata dun aliciente máis para “participar e enriquecer a convivencia cidadá nesta xornada multitudinaria”.

Os Conformistas de Conxo

Esta comparsa naceu no ano 1990 co obxectivo de xuntar a todas aquelas persoas do barrio de Conxo que participaban individualmente ou ben en pequenos grupos no Entroido compostelán. Dende o principio, o seu lema é Alegrar o entroido compostelán, no barrio de Conxo e na propia cidade de Santiago. Foron moitas as persoas que pasaron por esta comparsa tradicional recoñecida mesmo en Galicia, tal como explica o seu presidente, Enrique Fernández Otero.

A Ruliña de Laraño

Esta comparsa do suroeste de Santiago naceu en 1991, ten actualmente 38 membros, pero chegaron a ser máis de 130, con xente de todas as idades (de 68 a 4 aniños). Presidida por Albino Iglesias, A Ruliña de Laraño conta cunha ampla traxectoria carnavaleira. Participou en diversos certames e desfiles de Galicia (A Coruña, Carballo, Lalín), pero a gran cita da capital galega á que nunca fallan é a de Compostela. Reúnense no local social de Laraño, onde confeccionan a man todos os seus disfraces durante meses para, na semana do Antroido, sorprender e animar a todos os que viven estas festas na rúa.

Os Garanduxos

É unha comparsa formada por un grupo de amigos e amigas de distintas zonas da cidade que naceu en 1985. Son unhas 20 persoas, na súa maioría mulleres, de todas as idades. No mes de outubro comezan a traballar nos disfraces, buscando  temáticas moi divertidas e coloristas. O seu responsable, Manuel Santos, lembra ideas brillantes como o disfraz de hamburguesa ou o de troglodita.

O día grande

O martes de Antroido, como é tradicional, celebrarase o desfile de carrozas e comparsas no que poden participar libremente todos aqueles que o desexen. A invitación está aberta a todas as parroquias, asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas a título individual. Pero para poder optar aos premios, os interesados deben inscribirse na Concellaría de Festas (Teatro Principal, teléfono  981 54 23 47) antes das 14:00 horas do luns-15 de febreiro.

Unha vez formalizada a inscrición, os participantes só terán que preparar todo e deixalo a punto para o martes de Antroido. O itinerario do desfile, que comezará ás 17:30 horas na Estación de Renfe, será o habitual: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e A Senra, ata acabar na Avenida de Xoán Carlos I.

Segundo o programa previsto, cando cheguen todos os disfraces, comparsas e carrozas, o xurado, disposto desde o inicio na Estación da Renfe para ver de primeira man os detalles do desfile, fará as súas deliberacións tendo en conta o deseño e creatividade de carrozas e comparsas, disfraces e máscaras, así como a caracterización de uns e outros.

O fallo do xurado e a entrega de premios será no Paseo Central da Alameda.