As Festas do Apóstolo 2010 acadaron a máxima participación no fin de semana do 24 e 25 de xullo

17322Os fogos de fin de festa terán un peche “intenso e rotundo”,  nos que o ruído gañará peso

O concerto de Jean Michel Jarre dará comezo ás 22:30 horas no Obradoiro ante un público limitado a 8.000 persoas

Despois de dezaséis días intensos de actividades, grandes concertos e diversión polas rúas de Compostela, as Festas do Apóstolo 2010 chegan esta noite ao seu fin. A actuación de Pereza na noite de onte marcaba así o inicio do fin destas festas. Ante un público aproximado de 3.000 persoas, o grupo madrileño interpretou na Quintana un total de 25 temas, entre os cales tiveron acollida os grandes éxitos da súa carreira musical, tales como “Estrella Polar” ou “Todo”. Pero, sobre todo as dúas horas de duración do concerto, estiveron marcadas polos temas que compoñen o seu último traballo musical, “Aviones”.

 

Con motivo do peche das festas deste ano, o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, fai un pequeno balance destes días que contaron cunha “masiva participación de visitantes, turistas, peregrinos e composteláns en todas as actividades do programa festivo”.

A gran variedade do programa, cun cartel tradicional xa asentado e grandes concertos de todos os estilos musicais axudou a unha alta afluencia de seguidores desde o comezo. Co pregón, o cal estivo a cargo de Jorge Mira e Yolanda Castaño, entrouse con bo pé no programa festivo. Miles de persoas encheron ao Obradoiro a noite do venres 16 para poder gozar da súa lectura e do posterior concerto do asturiano Melendi.

Grandes momentos do Apóstolo 2010

Baqueiro destaca a ampla participación cidadá no fin de semana pasado. Así, sinala que a noite dos fogos do 24 de xullo “foi un éxito de público e organización”. Arredor de 150.000 persoas situadas nos diferentes puntos de visión da cidade, disfrutaron do extraordinario espectáculo que preparou a pirotecnia Caballer para este ano Xacobeo. Un espectáculo máxico de luz e son que logrou sorprender e satisfacer aos espectadores.

No día do Apóstolo, 25 de xullo, tivo lugar outra das xornadas festivas máis significativas e especiais. A visita das súas Maxestades os Reis, don Juan Carlos e doña Sofía, creou unha gran expectación na cidade e fixo que centos de persoas se achegasen ao Obradoiro para poder velos de preto. A actuación do grupo galego Milladoiro na noite do 25 tamén logrou o “cheo completo” na Quintana, mostra dunha magnífica exaltación da música tradicional galega.

As réplicas dos fogos que se sucederon ao longo de toda esta semana, como reprodución do formato do gran espectáculo de luz e son da noite do 24, foron, segundo Baqueiro, “unha das novidades do programa que máis gustaron” cunha media de 8.000 persoas por día. “Estas réplicas emocionaron á xente que cada noite se achegaba ao Obradoiro para ver a catedral tingida de imaxes”, sinala Baqueiro.

O encontro de xigantes e cabezudos que se celebrou o sábado pasado, conseguiu tamén ocupar a praza da Quintana e toda a zona vella. Así, unha vez máis, o cartel tradicional das festas, con actividades xa asentadas e consolidadas como son as Xornadas do Folclore Galego, o Día do Traxe ou o Encontro de Cabezudos, conseguen cada ano unha maior participación e afluencia de espectadores.

Fin de festa con fogos artificiais e concerto de Jean Michel Jarre

O broche de ouro do Apóstolo terá lugar co concerto de Jean Michel Jarre e cos fogos de fin de festa, que se celebrarán esta noite na escalinata do campus  a partir das 24:30 horas. Empregaránse máis de 1.500 artificios, compostos de 4.000 instrucións de disparo electrónico. Segundo José Bravo, xefe de produción da pirotecnia Caballer, o espectáculo basearase nun castelo pirotécnico tipo clásico, no que se van empregar calibres de maior tamaño para conseguir dar unha maior altura aos fogos, o que vai a permitir velos desde diferentes puntos da cidade. Os calibres serán de entre 70 e 200 mm para incrementar a potencia de disparo.

Bravo sinala que con este castelo, a pirotecnia pretende “espertar a emoción no público”. Apunta ademais que o peche dos fogos será rotundo e intenso, sobre todo no relacionado co ruído, seguindo o “estilo valenciano”.

Durante toda a xornada de hoxe, celebrase a XXXI edición do Día do Traxe Galego.Esta tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingo de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará desde aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural, Rúa do Vilar, Praterías, Conga e entrará na Quintana. Ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e entrega de premios.

O concerto de Jarre dará comezo ás 22:30 no Obradoiro. A entrada estará limitada a un aforo de 8.000 persoas.A orquestra Trovadores poñerá a música e o baile na Alamada a partir das 23:00 da noite. Outra opción musical para a noite de mañá vivirase no Toural, co concerto  de Liridade Noctámbula á 01:00, tomará o relevo Son Tres que pechará as festas con música latina en San Paio de Antealtares.