O “espectáculo total” de Jean Michel Jarre pechará as festas do Apóstolo

jean-michel-jarre-laser-harp1

Na escalinata do campus universitario terán lugar os tradicionais fogos de fin de festa, ás 24:30 horas

Durante toda a xornada de mañá celebrarase a XXXII edición do Día do Traxe Galego

O campionato galego de patinaxe artística sobre rodas centrará as actividades dirixidas aos nenos mañá

As festas do Apostólo chegan mañá á súa fin despois de dezaséis cargados de concertos e actividades. Esta noite, o dúo madrileño Pereza presentará na Quintana o seu sexto álbum de estudio, “Aviones”. Trátase dun traballo que camiña cara ao son acústico e melódico pero que non abandona as doses de enérxico rock and roll e pop. O grupo tomará terra na praza Quintana arredor das 22:30 horas. Antes, ás 22:00 horas, actuarán como teloneiros o grupo de mozos 84, banda do Selo Movistar que interpretará os singles que ten no mercado.

 

No Toural, ás 24:00 horas, os grupos romaneses Nightlosers e Flirt ofrecerán un concerto no que combinan música e mímica. Acompañaranos os alemáns Trigon. Ademais, esta noite terá lugar a última réplica do espectáculo de luz e son no Obradoiro que se prolongou ao longo de toda esta semana.

Os mellores traxes de cotío, antigos e modernos desfilarán mañá polas rúas do casco histórico de Santiago

Mañá sábado celebrarase durante toda a xornada a XXXI edición do Día do Traxe Galego, onde se agarda unha alta participación en todas as idades entre o desfile e o concurso. A xornada comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile desde o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 14:00 horas a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingo de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará desde aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural, Rúa do Vilar, Praterías, Conga e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e Casa da Conga. O desfile continuará no interior da Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo; premio de traxe de cotío; e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Ao final  do acto entregaranse os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, a banda e grupos de gaitas que os acompañará durante o percorrido, tocarán todos xuntos o himno galego como peche da celebración.

Tamén, durante toda a xornada de mañá, terá lugar o Campionato galego de patinaxe artístico sobre rodas no pavillón municipal de Vite, do cal sairán os clasificados para participar no certame a nivel estatal. Este campionato, organizado polo Club de Patinaxe de Compostela e convocado pola Federación Galega de Patinaxe, articularase en dúas categorías, alevín e infantil, e dúas modalidades, libre e figuras obrigatorias. Participarán un total de 38 nenos ( 33 nenas e 5 nenos). Haberá adestramentos, competicións e entrega de trofeos para os tres primeiros clasificados (medalla de ouro, prata e bronce). O domingo continuarán as actividades.

Fin de festa con fogos artificiais e concerto de Jean Michel Jarre

Despois de dezaséis días de festa todo remata mañá cos tradicionais fogos na escalinata do campus universitario, que corren a cargo da empresa Pirotecnia Caballer e que ofrecerán un novo espectáculo de luz e son cargado de colorido. A exhibición comezará ás 24:30 horas, unha vez finalice o concerto de Jean Michel Jarre na praza do Obradoiro.

O gran concerto de fin de festa que correrá a cargo do compositor francés Jean Michel Jarre, comezará ás 22:30 ante un aforo limitado a 8.000 persoas, por razóns de seguridade.

A actuación de Jarre entra dentro da súa nova xira mundial, á que bautizou como “2010” en homenaxe a Sir Arthur C. Clarke, e que integra a máis pura tecnoloxía en son, luces e efectos especiais para conseguir un resultado asombroso dando como resultado a un “espectáculo total”. Jarré é considerado un dos pais da música electrónica e xa é influencia de grupos como Air a Daft Punk, Moby ou The Chemical Brothers.

Outras actuacións en diferentes puntos da cidade

A orquestra Trovadores poñerá a música e o baile na Alamada a partir das 23:00 da noite. Ás 24:30 fará un descanso para poder desfrutar dos fogos fins de festa. Outra opción musical para a noite de mañá vivirase no Toural, co concerto  de Liridade Noctámbula á 01:00, tomará o relevo Son Tres que pechará as festas con música latina en San Paio de Antealtares.