Miles de persoas ocuparán as rúas de Compostela esta noite para poder gozar do gran espectáculo de luz e son

fogos00Os integrantes de Lamatumbá serán os encargados de animar a festa despois dos fogos de artificio

O Día do Apóstolo comezará ás 10:00 horas coa tradicional ofrenda na Catedral

Esta noite composteláns, visitantes, peregrinos e turistas dirixirán a súa vista ao ceo para poder contemplar un dos espectáculos de fogos de artificio máis espectaculares de Europa e, mesmo, do mundo. Será a partir das 23:30 no Obradoiro, praza que, segundo as previsións, se quedará pequena para poder albergar a toda a xente que estes días festivos visita a cidade. Así, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, augura que o casco histórico podería superar ás 100.000 persoas durante esta noite máxica. Antes da medianoite a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela quedará iluminada polo grandioso espectáculo que ten preparado a pirotecnia valenciana Caballer. Máis de 5.000 artificios e 25.000 efectos pirotécnicos conformarán a exhibición de luz e son que se estenderá durante 31 minutos.

 

Como novidade este ano, a pirotecnia tamén lanzará os fogos de altura desde a horta do mosteiro de San Martín Pinario para ofrecer unha maior visión aos presentes no Obradoiro e ao resto de persoas que agardan en diversos puntos da cidade para gozar co espectáculo. Dado ás altas previsións de asistencia de persoas aconsellan situarse noutros puntos de visión estratéxicos, como o Pedroso, a Alameda, a zona presidencial de Monte Pío ou o Monte de Dios (Vite). Outro dos puntos a destacar, será que haberá réplicas dos fogos durante toda a semana no Obradoiro.

Unha vez que finalicen os fogos todo o público poderá seguir gozando da festa. O grupo ourensá Lamatumbá traerá os seus ritmos festeiros e bailables á praza da Quintana. “A órbita da banda hipnótica” é o seu último traballo discográfico, un proxecto ambicioso que segue a estela dos anteriores baseado fundamentalmente na fusión do ska e o reggae. Pero se algo caracteriza as actuacións de Lamatumbá son as altas doses de enerxía, forza e optimismo que desprenden enriba do escenario conseguindo animar a toda clase de público. Sen dúbida, o popular “Licor café” ou “Dolores” soarán con poderío na Quintana esta noite.

Á 01:00 horas será a quenda do blues de Víctor Aneiros, quen estará en concerto noutra das prazas emblemáticas do casco histórico compostelán, o Toural. “Brétemas da memoria” é o título do seu último traballo (quinto disco), dedicado gran parte á obra de Ramiro, adaptando sete poemas de xuventude e da primeira madurez do poeta. O disco arrinca cun prólogo instrumental poderoso, cargado coa forza do recordo, onde Víctor volve facerlle un aceno a Jeff Beck, e remata cunha pequena peza lenta e tristeira, construída co silencio da resaca sentimental. Aneiros está considerado como un dos pioneiros do  blues-rock en galego. Despois de traballar nos anos 80 e 90 con distintas bandas locais, inicia a súa carreira en solitario en 1999, formando Víctor Aneiros & Blue Notes e editando “Que el blues te acompañe”.

Outro escenario importante na noite de hoxe será a Alameda, onde a partir das 23: 30 horas terá lugar a actuación da orquestra Gran Canaria.

Día do Apóstolo, 25 de xullo

A xornada de mañá comezará coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago na Catedral e a procesión do padroado do Apóstolo. Será ás dez da mañá. Xa a partir das doce e media do mediodía as rúas da cidade contarán con cabezudos e grupos de gaiteiros que animarán coa súa presenza aos viandantes.

Xa pola noite, a partir das 22:00 horas comezará o Compostela Festival na Quintana, o cal contará coa actuación de Milladoiro, un dos grupos galegos con maior proxección internacional. Así, fai parada en Compostela nun día tan especial como o de mañá, continuando a xira conmemorativa dos 30 anos da publicación do seu primeiro disco, A Galicia de Maeloc (1979). Este foi o disco debut de Milladoiro no que deron a coñecer o seu estilo persoal e no que se empregou, por vez primeira, de forma conxunta a gaita galega, ocarina, zanfona, harpa, clavelín, frautas, etc. Foi o primeiro disco galego que se editou no mercado francés. Desde a súa fundación no ano 1979, Milladoiro percorreu coa súa música escenarios de practicamente todo o mundo.

Na Alameda haberá actuación da orquestra Charleston, mentres que no Toural, a partir das 24:00 horas, a S.E.M Big Band dará un concerto coas súas pezas musicais. A Big Band é unha orquesta galega de música moderna onde se abarcan moi diversos estilos: jazz, latin, fusión, etc. Levan a cabo unha labor de escritura de arreglos para intérpretes agrupados en seccións e pola versatilidade dos seus estilos está aberta a toda clase de público.

A entrada para todas as actuacións musicais de mañá será de balde.