Lamatumbá animará co seu ritmo a noite meiga dos Fogos do Apóstolo

lamatumbaNo encontro de xigantes e cabezudos de mañá a Concellaría de Festas recupera a antiga figura da “Coca”

Esta noite, concerto de Bebe na Quintana, ás 23:00 horas

En vésperas da noite dos Fogos do Apóstolo, hoxe venres poderase pasar un bo rato co concerto en directo desde a Quintana de Bebe, que chega a Santiago para presentar o seu último disco Y. (Y Punto), a partir das 23:00 horas. Como alternativa haberá música latina no Toural coa actuación do grupo Cuba-Son, a partir das 24:30 horas.

 

A partir das 12:00 horas de mañá sábado, os máis pequenos terán a oportunidade de ver aos xigantes e cabezudos de Santiago en acción, cos seus bailes e paseos polas rúas da zona vella. Será un encontro de xigantes e cabezudos, que conxuntamente darán as tradicionais tres voltas á praza da Quintana, para a continuación executar os seus bailes. Despois farán un percorrido polas rúas ata o Toural, onde terá lugar un encontro pequeno, coa danza do “Alcalde” e a “Alcaldesa”  e co “Coco” e a “Coca”.

A longa historia dos xigantes composteláns

Os  Xigantes, propiedade do Excmo. Cabido da S.A.M.I. Catedral, datan de tempos inmemorables, e representan aos tres continentes, Europa , Asia e África. A primera cita documental, data de 1660, obra do escultor Mateo del Prado que executou os moldes para oito Xigantes do Corpus. Posteriormente foron recompostos por Clemente Fernández Sarela, en 1757, e en 1784 foron repasados por Juan Pernas. Xa en 1993 César Lombera realizou unha copia en fibra de vidrio.

A comparsa de Cabezudos do Excmo. Concello creouse tamén no ano 1879, para realizar danzas diante das casas dalgunhas autoridades e da alta socidade compostelá. Estas danzas mantéñense por tradición oral desde esta data, con algúns retoques correspondentes á moda de cada época. Sempre levaron acompañamento musical, ata ter hoxe en día o respaldo de diversas charangas.

Este ano o Departamento de Festas, recupera unha antiga figura, a “Coca”, un dragón mitolóxico que figuraba na procesión do Santo Corpo coas danzas gremiais, e que desapareceu cara o ano de 1840 coa disolución dos gremios.

Os fogos máis longo da historia [Praza do Obradoiro, mañá ás 23:30 horas]

Pero sen dúbida, o momento máxico terá lugar na noite de mañá sábado co grandioso espectáculo dos Fogos do Apóstolo, este ano xubilar a cargo da empresa Pirotecnia Caballer de Valencia. A festa de fogos artificiais comezará ás 23:30 horas desde o Obradoiro.  A organización do evento distruibuirá entre os presentes unha guía para seguir o espectáculo. Do 25 ao 30 de xullo haberá réplicas do espectáculo desde a praza do Obradoiro e o sábado-31 os fogos de fin de festa desde a escalinata do Campus Vida.

O espectáculo de mañá marcará unha viaxe a través da historia e das tradicións que rodean a figura do Apóstolo, o Camiño de Santiago, a cidade de Compostela e Galicia enteira. As luces proxectadas sobre a fachada da Catedral e a música serán o acompañamento aos fogos de artificio.

Como novidade este ano, a pirotecnia tamén lanzará os fogos de altura desde a horta do mosteiro de San Martín Pinario para ofrecer unha maior visión aos presentes no Obradoiro e ao resto de persoas que agardan en diversos puntos da cidade para gozar co espectáculo. Neste punto, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, recomenda situarse en puntos como o Pedroso, San Clemente, Alameda (Paseo dos Leóns), zona da residencia do presidente da Xunta en Monte Pío e desde o Monte de Dios de Vite, lugares con excelente visión para non perder detalle dos fogos de artificio.

A montaxe da noite do 24 de xullo durará un total de 31 minutos acompañados de músicas de Reinhold Heil, Johnny Klimek, Tom Tykwer, Lluis Llach, Carlos Núñez, Mike Oldfield, Milladoiro, Clint Mansell ou Sting, que soarán cunha potencia de 40.000 watios de sons. As luces terán unha potencia de 100.000 watios. As bengalas dispostas para a queima da fachada gótica serán un total de 3.000, de catro cores intermitentes con cambio a branco. En total haberá máis de 5.000 artificios, 25.000 efectos pirotécnicos distribuídos en 31 minutos.

Lamatumbá poñerá ritmo a unha longa noite de festa

A orquestra Gran Canaria actuará na Alameda, a partir das 23:30 horas. A continuación, á media noite, o grupo galego Lamatumbá chegará á Quintana coa intención de seguir a festa coa súa música frenética que fará saltar e cantar a todo o público coas súas letras apegadizas. No Toural, tamén soará música a rito de blues. O galego Víctor Aneiros comezará a sacar os primeiros acordes da súa guitarra sobre unha da madrugada.