Os fogos terán o seu gran momento na noite do sábado-24 cun espectáculo sobre a lenda do Apóstolo e a tradición xacobea do Camiño de Santiago

Fogos_Apstolo_2010_Ignacio_Santos_Villanueva_Baqueiro_Pepe_Bravo_e_Ernesto_LpezHaberá maís de 5.000 artificios, 25.000 efectos pirotécnicos distribuídos en 31 minutos

En total, Santiago contará con oito noites de fogos para goce de todos os visitantes

Un desfile e unha concentración na Quintana marcarán a celebración da XXXII do Día do Traxe Galego

Bebe actúa mañá na Quintana, ás 23:00 horas, para presentar o seu último traballo discográfico “Y.”

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; e responsables da Pirotecnia Caballer, Pepe Bravo –xefe de Produción– e Ernesto López –xefe de Operacións– presentaron esta tarde na sede do Consorcio o espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo do sábado-24 e as réplicas consecutivas que se farán entre o 25 e o 31 de xullo. En total serán oito días de fogos.

 

O espectáculo marcará unha viaxe a través da historia e das tradicións que rodean a figura do Apóstolo, o Camiño de Santiago, a cidade de Compostela e Galicia enteira. As luces proxectadas sobre a fachada da Catedral e a música serán o acompañamento aos fogos de artificio. Como novidade este ano, a pirotecnia tamén lanzará os fogos de altura desde a horta do mosteiro de San Martín Pinario para ofrecer unha maior visión aos presentes no Obradoiro e ao resto de persoas que agardan en diversos puntos da cidade para gozar co espectáculo.

Segundo Baqueiro, como se prevé unha asistencia masiva de cidadáns, visitantes e peregrinos, aconsella situarse noutros puntos da cidade para gozar dos fogos qe tamén cunha visión excelente, como o Pedroso, a Alameda (Paseo dos Leóns), a zona da residencia presidencial de Monte Pío ou o Monte de Dios (Vite). Ademais, o concelleiro de Festas anunciou que nuns días farase pública a hora de comezo dos fogos de fin de festa, que se unirán ao gran concerto no Obradoiro de Jean-Michel Jarre.

Así, os representantes da Pirotecnia Caballer destacaron o nivel do espectáculo pirotécnico de Compostela, un dos “maiores eventos multimedia ao aire libre de España e un dos máis importantes do mundo”. Ademais, confían en que a posta en escea sexa unha gran festa, cun gran despregue técnico, con fogos e medios expresivos para contar unha historia “sen necesidade de usar texto escrito ou voz en off” –explicaron.

Segundo apuntou Villanueva, a montaxe deste ano logrouse grazas á cooperación entre as diversas administracións (Xunta de Galicia, Consorcio e Concello de Santiago). Ademais, o xerente do Consorcio quixo destacar o valor dos fogos como “unha profunda tradición da realidade histórica de Santiago e das Festas do Apóstolo e como un elemento patrimonial”. A montaxe da estrutura dos fogos estase a levar a cabo nestes días, cumprindo coas normas de seguridade e protección establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Por outra parte, Ignacio Santos destacou a contribución que o Xacobeo realizou a través dun convenio de colaboración, cunha achega de 100.000 euros, o 28% do orzamento total.

O día do traxe poñerá o punto e final ás festas do Apóstolo 2010

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes e o director de relacións externas de El Corte Inglés en Galicia, José Antonio Blanco, presentaron esta mañá en rolda de prensa a XXXII edición do Día do Traxe Galego que se celebrará dentro do marco das Festas do Apóstolo o próximo sábado, 31 de xullo.

Segundo o concelleiro, o Día do Traxe é un acontecemento tradicional destas Festas. “É unha das actividades que forman parte do cartel do Apóstolo, un evento tradicional que se convertiu co paso do tempo nunha cita ineludible para os veciños e turistas de Compostela” –destacou Baqueiro, “onde as rúas da cidade presencian o paso de todos os participantes, ataviados coas súas mellores galas” –continuou. Ademais, Baqueiro convidou a toda a xente a participar nesta actividade tradicional.

Rita Miramontes fixo un chamamento a toda a cidadanía para que o próximo domingo saian ás rúas ataviados cos típicos traxes galegos e así cumprir o éxito do ano pasado, cando centos de persoas ocuparon as rúas de Compostela vestidos con prendas antigas. Na pasada edición, participaron un total de 27 persoas na categoría individual e un grupo conformado por 72 persoas, os cales levaron ata o Obradoiro incluso carros tirados por bois.

Pola súa banda, José Manuel Blanco resaltou a relevancia deste acontecemento como nexo de unión entre o presente e o pasado. Así, sinalou que, a diferenza de outras signos de identidade cultural, “o traxe sempre permanece, servindo de contacto co pasado e con nós mesmos”. Ademais, Blanco indicou que o traxe galego representa unha clara sinal de identidade para a empresa á que representa: o mundo da moda. Por iso, máis que nunca, El Corte Inglés debería chamarse “O corte galego”, subliñou Blanco.

O día comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile desde o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro subirá logo polo Arco do Palacio ata a praza de Azabachería. Ás 13:15 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 14:00 horas a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingo de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará desde aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural Rúa do Vilar, Praterías, Congas e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e casa da Conga. O desfile continuará no interior da Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo; premio de traxe de cotío; e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Haberá un premio especial de 600 euros para o grupo de máis de 10 persoas que asista e outro premio especial de 200  euros para a mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo. Ao final  do acto entregarase os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, a banda e grupos de gaitas que os acompañará durante o percorrido, tocarán todos xuntos o himno galego como peche da celebración .

“Carmen” de Aída Gómez encenderá esta noite a Quintana

Esta noite poderase asistir ao espectáculo Carmen de Bizet, da Compañía de Danza Española Aída Gómez, ás 22:30 horas na praza da Quintana. A programación inclúe tamén un concerto da Banda Municipal de Música, ás 19:30 horas na rúa do Vilar. Intrepretarán cinco pezas musicais: Taragoña, Lakmé, A lenda do bico, O príncipe Igor e Brincadeira. De seguido, a Alameda volverá encherse por última vez de ritmos e bailes latinos na carpa Espírito Latino, nesta ocasión cunha exhibición de capoeira do grupo Nagó.

A música continúa no Toural á media noite co concerto de Charco, unhabanda que xurdiu en 2008 no Liverpool Institute for Performing Arts. A formación original foi consecuencia do encontro entre Jesús Peñaranda, Jaime Barreiro e Catalina Pereda. Tocaron en multitude de escenarios de Liverpool e Manchester, en bares e clubes onde definiron o seu estilo interpretando temas cheos de tango, blues, flamenco e música latina cun certo carácter electrónico. O grupo está composto por Catalina Pereda (voz), Jaime Barreiro Martínez (guitarra), Jesús Peñaranda Portilla (acordeón acústico), Dario Darnell (batería), Juan Sanchez Fernandez (percusión), Elijah Jean Jacques (baixo), Brian Crawford (teclado).

Bebe chega a Compostela para presentar o seu segundo traballo musical, Y.

A artista valenciana Bebe visita mañá Compostela para presentar en directo o seu último traballo Y. (Y Punto), será ás a partir das 23:00 horas na praza da Quintana.

Despois dun largo período sen discos no mercado, Bebe volta aos escenarios co seu segundo traballo musical baixo o brazo. Un disco marcado polo pop minimalista e unhas letras cheas de enerxía e mensaxes sobre a vida cotiá.

As entradas poden mercarse a través de:  www.caixagalicia.es e no 902 434 443 a un prezo de 5 € en anticipada e 8 € en taquilla.

Despois do concerto da cantante e actriz valenciana, o ritmo de salsa cubana chegará pasada a media noite na praza do Toural coa actuación do grupo Cuba-Son.Sen dúbida, o baile latino marcará a actuación desta formación.