A fusión da música e danza galegas mañá sobre o escenario da Quintana, da man da compañía Nova Galega de Danza

Presentacin_Nova_Galega_de_Danza_005Presentan ás 23:00 horas o seu espectáculo Tradicción

O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, acompañado polo xerente de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, presentou hoxe no Teatro Principal o espectáculo Tradicción da compañía Nova Galega de Danza que se poderá ver mañá mércores, a partir das 23:00 horas na praza da Quintana. No acto tamén estiveron presentes os directores artísticos da compañía, Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, e o seu director musical, Pedro Lamas. Esta actividade cultural e de ocio está patrocinada polo Xacobeo e conta coa colaboración da Concellaría de Festas de Santiago.

 

Segundo indicou Baqueiro, esta compañía de danza mestura o folclore galego coa arte contemporánea e no seu último espectáculo, Tradicción, os directores e membros da compañía introducen unha nova linguaxe coreográfica e musical descoñecida para o público, onde hai “elementos clásicos das raíces galegas e novas formas de expresión modernas”.

Santos fixo fincapé no escenario da actuación, a Quintana, como lugar emblemático  para unha obra na que se mestura tradición e modernidade. “Este espectáculo contén o espírito que pretende transmitir a programación do Xacobeo, a universalidade” –apuntou o xerente do Xacobeo. Ademais, destacou outros obxectivos do Xacobeo, apoiar a cultura galega e descentralizar as actuacións empregando diversos lugares de Galicia.

Por parte da Nova Galega de Danza, un dos seus directores artísticos, Vicente Colomer, mostrou a emoción que ten a compañía por ofrecer ao público o seu espectáculo na Quintana, agardando caldear o ambiente na súa actuación de mañá e chegar aos corazóns de todos os presentes na praza. “Tradicción é unha visión da nosa danza e música tradicionais, unha viaxe que a compañía tivo que facer” –explicou Colemer.

Segundo explicaron, esta é a segunda actuación da Nova Galega de Danza co patrocinio do Xacobeo, tralo seu paso por Ourense. A seguinte cita será en Ferrol, á espera de pechar unha cuarta actuación noutro punto da xeografía galega aínda sen confirmar.

Nova Galega de Danza

A compañía Nova Galega de Danza comeza a súa traxectoria coa estrea do espectáculo Alento, no Teatro La Vaguada de Madrid en 2003. O proxecto, que naceu do traballo constante e apaixoado dos seus directores artísticos e coreógrafos (Colomer e Díaz). Con este salto ao gran público, a compañía comezará a fusionar en vivo danza e música de raíz galega, mesturando tradición e vangarda.

Este espectáculo acada o 2º premio no I Certame de Creación Coreográfica de Galicia, 4º premio no I Maratón de Danza de Madrid, finalista no Certame Nacional de Danza Española e Flamenco 2002, e finalista dos Premios MAX como Mellor Espectáculo Revelación do 2005 e recoñecida no informe anual da SGAE como a Compañía Galega Independente máis exitosa do ano. Tamén se convertiu na primeira compañía de danza programada na Feira Profesional de Teatro de Galicia.

Nova Galega de Danza presenta en 2006 Engado, a súa segunda produción, estreada no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e onde realiza unha fusión con seis músicos e cinco bailaríns que saen ao escenario para echelo de enerxía e ilusión durante dous anos de xira que leva por toda Galicia e algúns puntos de España.

A partir da súa participación no espectáculo “Galicia e Outras Músicas” do Centenario Estrella Galicia, Nova Galega de Danza comeza un proceso de investigación e cambio cara unha danza contemporánea de marcado carácter galego. Así, presenta Tradicción no 2008. Esta obra está composta por dúas partes, con doce temas tradicionais cada unha deles, como Alalá do Cebreiro, Muiñeira de Sofán, Alborada, Xota de Ribeira de Piquín, o Pasodobre de Carelle e a Moliñeira de Bazal.

Ficha artísitca do espectáculo. Tradicción (coprodución entre Nova Galega de Danza e Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a través do Consello da Cultura Galega.

Dirección Artística: Jaime Pablo Díaz / Vicente Colomer

Dirección Musical: Pedro Lamas

Coreografía: Jaime Pablo Díaz / Vicente Colomer

Músicas: Tradicionais / Pedro Lamas e Jacobo de Miguel

Arranxos: Pedro Lamas e Jacobo de Miguel / Músicos da Nova Galega de Danza

Letras: Tradicionais / Xabier Díaz

Asesoramento do Baile Tradicional: Xabier Díaz

Músicos (6)

Juan Collazo (Vibráfono e percusión tradicional)

Miguel Queixas (Batería e percusións)

Ricardo Rozas (Guitarra)

Suso Iglesias (Acordeón)

Xabier Díaz/Toño Domínguez (Voz, gaita e percusión tradicional)

Pedro Lamas (Saxo soprano, gaita e percusión tradicional)

Corpo de Baile (7)

Alba Vázquez

Emma Cabañas

Laura García-Vera

Lorena Ballesteros

Iván Villar

Jaime Pablo Díaz

Vicente Colomer

Vestiario: Stefanie Pasterkamp

Deseño Iluminación: Antón Cabado

Deseño Maquillaxe: Lilianne Frías

Fotografía: Javier Paz / Mutador

Deseño Gráfico: Mutador

Imaxes: Ton und bild / Stefanie Pasterkamp

Director Técnico: Juan Vázquez

Técnico de Luces: Antón Cabado

Técnico de Son: Pachi Baldomir

 

Nova cita do Vía Stellae en Compostela

Este ano celébrase a quinta edición do Festival Vía Stellae. O centro do festival é de novo Santiago de Compostela como meta do Camiño, pero o Via Stellae aumenta as súas actividades por máis de cincuenta vilas e cidades galegas situadas nas rutas de peregrinación que conducen a Compostela. Recoñecido como unha referencia a nivel nacional e mesmo europeo, unha das cualidades especiais deste festival é a categoría dos intérpretes que forman o seu cartel.

Esta noite, os encargados de poñer a música dentro do Vía Stellae serán a agrupación O’ Stravaganza (Youenn Le Berre, director) e  Dolce & Tempesta (Stefano Demicheli, director), ademais do espectáculo A noite folk, fantasía irlandesa sobre Vivaldi e as músicas célticas irlandesas. Será a partir das 23:00 horas na praza do Irmán Gómez (praza dos Bombeiros).