Un total de 43 pescadores participaron no concurso de pesca de ciprínidos na Festa do Escalo

Participantes Festa do EscaloEsta noite, continúan as mostras de folclore galego na Quintana coa participación dunha agrupación lusa

A compañía de danza contemporánea Bstudiodanza presentará mañá o seu espectáculo Mulier en Praterías

As Festas do Apóstolo continúan hoxe coa celebración do XXXV Concurso de pesca de ciprínidos, coñecido máis popularmente como a Festa do Escalo de Chaián. O concurso faise por categorías –infantil, xuvenil, damas e senior– e por equipos de catro deportistas ou individual.

 

A concentración comezou esta mañá ás 8:00 horas no Local do Bar Nieto de Chaián. Ás 9:00 horas realizouse a saída ao escenario de pesca: "Coto de Pesca de Chaián" (Río Tambre). O concurso de pesca conseguiu un ano máis un gran éxito de participación con 43 competidores inscritos. A maioría deles pertencentes á vila de Chaián e concellos veciños.

Pescouse ata as 13:00 horas e os pescadores participantes tiveron 30 minutos para presentar as súas capturas. De forma conxunta e global, pescáronse un total de 77 kg de pescado. O gañador na categoría senior, Iago Leis Chao, con 8, 7 kg, recibiu ademais o premio especial Kias por ser o participante que logrou maior número de capturas. A pesaxe e entrega de trofeos tivo lugar na área recreativa de Chaián. A continuación, ás 14:30 horas, houbo un xantar de irmandade que se prolongou ata ben entrada a tarde.

Esta tarde, os títeres Cachirulo entreterán os máis pequenos coa súa función de monicreques

Os titiriteiros Jorge Rey e Carmen Domech serán os encargados de poñer a nota de alegría e fantasía á tarde de hoxe. Con motivo do seu XXV aniversario, a compañía Cachirulo presenta a nenos e nenas unha peza especial coa que pretenderán que nenos e pais desfruten e se divirtan.

A compañía títeres Cachirulo nace no ano 1986 en Santiago de Compostela. Desde os seus inicios, o grupo Cachirulo realizou obras de carácter humorístico orientadas a establecer unha comunicación directa dos nenos e nenas cos monicreques. A compañía forma parte activa en diversos eventos directamente relacionados coa dinamización do teatro, destacando a programación de marionetas e teatro do espacio ARTeria Noroeste e a organización do Festival Internacional Galicreques. Nos últimos anos, Cachirulo está dando a coñecer o seu traballo máis alá das fronteiras galegas, levando o seu teatro de monicreques a diferentes mostras e festivais, fundamentalmente de Europa e América Latina.

A agrupación lusa Rancho Folclórico Fafe será a invitada de honra na segunda xornada da mostra de folclore galega. Encima do escenario, acompañarana os grupos santiagueses Brincadeira e Colexiata do Sar.

O baile da compañía BStudiodanza centrará as actividades de mañá

Mañá luns, o protagonista do día voltará ser o baile. Nesta ocasión será a danza contemporánea a que reciba toda a atención. A compañía BStudiodanza presenta a súa danza urbana Mulier na praza das Praterías ás 21:30 horas. A linguaxe corporal será a base do seu espectáculo. O seu fin é desenrolar unha linguaxe persoal que sirva para expresar emocións e sentimentos. Manteñen unha busca constante de formas, espazos, músicas e expresións diferentes co obxectivo de buscar historias que contar cercanas ao público e que logren espertar a súa curiosidade e reflexión, dentro dunha plástica que penetre polos sentidos.

Xa o martes, o festival Vía Stellae (V Festival de Música de Compostela e os seus Camiños) será o prato forte da xornada.