Chaián acolle mañá a XXXVI edición da popular Festa do Escalo

Banda_Municipal_2

Esta tarde, ás 19:00 horas, haberá concurso de traxes de época e automóbiles antigos concentrados na praza das Praterías

O folclore tradicional inundará as rúas de Santiago durante as noites do fin de semana

As Festas do Apóstolo 2010 arrincaron onte coa tradicional lectura do pregón, este ano a cargo dos presentadores do programa da TVG “Cifras e Letras”, Yolanda Castaño e Jorge Mira. A parella televisiva sorprendeu cun orixinal e divertido pregón ao multitudinario público que acudiu ao Obradoiro. Cun discurso centrado nas letras e nos números, os “sabios” do concurso televisivo intentaron responder á pregunta de se Santiago se decanta máis polos números ou polas letras. Así, Yolanda Castaño, como “sabia das letras”, xogou un pouco cos nomes de Santiago, coas letras e coas obras literarias que naceron na cidade de pedra, mentres que o físico Jorge Mira se centrou na súa especialidade: os números. Despois dos tradicionais fogos que marcan o inicio das festas, o ovetense Melendi foi o encargado de poñer a música a unha noite máxica para a cidade.

 

As Xornadas de Folclore Galego, protagonistas no día de hoxe, a partir das 22:30 horas na Quintana

Como é habitual, dentro do marco das Festas do Apóstolo inclúense as Xornadas de Folclore Galego, que se celebran en dúas quendas: hoxe sábado e mañá domingo a partir das 22:30 horas. Este evento cultural, que este ano cumpre a súa XXXXII edición, goza de especial tradición na cidade e pretende atraer aos grupos máis representativos do folclore tradicional galego, Esta edición presenta algunha novidade con respecto aos anos anteriores, xa que haberá grupos invitados de fóra da nosa comunidade, o vasco Meatzaldeko Harrigorria e o luso Rancho Folclórico de Fafe. Este novo formato ten por obxecto traer a Galicia agrupacións doutras comunidades e tamén doutros países e darlles a posibilidade de amosar o seu folclore e o seu traballo neste festival. Ademais e tendo en conta que a nosa cidade é onde conflúen todos os camiños de peregrinaxe a tumba do Apóstolo preténdese así traer a Santiago grupos de folclore das comunidades e dos países polos que pasa algún dos camiños, e nesta edición contamos con unha agrupación que representa ao camiño do Norte e outra ao Camiño Portugués.

Durante dúas noites, seis agrupacións folclóricas ofrecerán unha mostra das súas pezas máis clásicas, pero primeiro realizarán un desfile desde o paseo central da Alameda ata as rúas da zona vella, un percorrido no que non deixarán de cantar e bailar. Ademais, a agrupación vasca foi a encargada de realizar esta mañá un pasarrúas polas zonas máis emblemáticas de Compostela.

Na xornada de hoxe estarán sobre o escenario da Quintana os seguintes grupos: Cantigas e Agarimos (Santiago); Os Xeitosos de Trazo (Trazo); e Meatzaldeko Harrigoria (Vizcaia).

Xa o domingo-19 os grupos encargados de animar na Quintana serán: Brincadeira (Santiago); Colexiata do Sar (Santiago) e  Rancho Folclórico de Fafe (Portugal).

O campionato de chave e o concurso de traxes de época e automóbiles antigos serán protagonistas esta tarde

Xa pola tarde terá lugar a final do XXXII Campionato de Chave, nas modalidades masculina (32 parellas participantes) e feminina (8 parellas participantes) que competirán no Paseo da Ferradura desde as 19:45 horas. Tamén na Alameda, desde as 20:30 horas e ata as tres da madrugada haberá música e bailes latinos co espectáculo Espíritu Latino.

Arredor dunha trintena de coches antigos participarán esta tarde no concurso de traxes de época e coches antigos. Será a partir das 19.00 na praza das Praterías. Os automóbiles participantes, a maioría deles pertencentes o Club Galego de Automóbiles Antigos, chegan hoxe a Compostela despois de recorrer un ano máis boa parte da Ruta Xacobea, unha actividade anual que organiza a entidade. Son un total de 28 vehículos, os cales recorreron durante seis días o Camiño Francés. Na capital galega sumaranse outros 12. Despois de estar concentrados fronte o centro comercial Hipercor, a caravana de coches de época peregrinará polas rúas santiaguesas, pasando polas rúas de Romero Donallo, Rosalía de Castro, Juan Carlos I, Porta Faxeira e Rúa do Vilar, para rematar en Praterías, onde terá lugar a entrega de premios.

XXXVI Festa do escalo en Chaián

Como cada ano desde fai décadas, Chaián acolle o concurso de pesca de ciprínidos, na súa tradicional Festa do Escalo. A saída ao río dos participantes está prevista para as 09:00 horas e a retirada para a 13:30 horas. Despois procederase ao proceso de pesa das capturas para proceder posteriormente á entrega de trofeos. O concurso faise por categorías –infantil, xuvenil, damas e senior– e por equipos de catro deportistas ou individual.

Axenda de actividades para o domingo 18

Ás 12:00 horas a Banda Municipal de Música dará un concerto na rúa do Vilar. As pezas que interpretarán serán: Enrique Melio, pasodoble de Simón Couceiro; Der Freistchüz de Carl María von Weber; O hóspede do sevillano, zarzuela de J.Guerreo; Campos xerezanos, apunte sinfónico, e Carmiña de T. Blanco. Tamén a esa mesma hora, haberá concentración de coches antigos na praza do Obradoiro para todos aqueles que se queiran achegar a contemplalos.

Xa pola tarde, será a quenda dos nenos no programa festivo. O teatro de monicreques Cachirulo achegará aos máis pequenos a representación dunha peza especial con motivo do seu XXV aniversario. O escenario elixido será a praza do Toural, onde nenos e nenas poderán desfrutar da maxia e fantasía creada polas marionetas de Jorge Rey e Carmen Domech.

Entradas para os concertos

Os interesados xa poden mercar as entradas para os concertos non gratuítos. As actuacións de Bebe e Amen Gospell Choir pódense adquirir a través da web de www.caixagalicia.es e no 902 434 443; para o espectáculo de Aida Gómez, Carmen de Bizet en www.caixanova.es e no 902 504 500; e para o concerto de Pereza en www.servicaixa.com ou a través da taquilla telefónica no 902 332 211. Ademais, a partir do próximo luns-19 poderanse mercar na taquilla do Teatro Principal en horario de 17:00-21:00 horas.