As Xornadas de Folclore Galego, o concurso de automóbiles antigos e o campionato de chave centran as actividades de mañá sábado

Yolanda_CastaoEsta noite, ás 23:00 horas desde os balcóns de Raxoi, Yolanda Castaño e Jorge Mira darán o pistoletazo de saída as festas cun pregón cheo de guiños sobre a cidade

A continuación no Obradoiro, a música de Melendi nun concerto gratuíto

As Festas do Apóstolo comezan esta noite cun pregón a cargo de Yolanda Castaño e Jorge Mira, que dará paso ao concerto gratuíto do asturiano Melendi. Este será o primeiro dos 16 días de festas con máis dunha vintena de actuacións de gran calidade musical e multitude de actividades.

 

Un xogo de mesa como pregón

A parella de pregoeiros escollida para as festas do Ano Santo representa á perfección o espírito do santiagués ou compostelán, como apuntan no seu discurso. Ao longo dunha media hora os dous protagonistas do programa da TVG Cifras e Letras, manterán unha conversa apaixoada sobre a cidade de Compostela. A súa vez farán un speech conxunto de diversos temas relacionados con Santiago e finalmente manterán un debate animado sobre o papel dos números e as letras na cidade.

Ás 23:30 horas, Melendi poñerá a nota musical a unha noite de emocións na praza do Obradoiro, nun cocerto organizado polos 40 Principales e patrocinado pola Concellería de Festas de Santiago e o Xacobeo. O cantante asturiano presentará os temas do seu último traballo, “Curiosa la cara de tu padre”.

Invitados vascos e portugueses nas xornadas de folclore

Como todos os anos, dentro do marco das Festas do Apóstolo inclúense as Xornadas de Folclore Galego, que se celebrarán durante dous días (sábado-17 e domingo-18). Este evento cultural, que este ano cumpre a súa XXXXII edición, está xa asentado na cidade e pretende atraer aos grupos máis representativos do folclore tradicional galego. Como novidade, este ano participarán dous grupos de fóra de Galicia. A xornada de mañá comezará cun pasarrúas a cargo do grupo vasco de danzas Meatzaldeko Harrigorria entre ás 12-13:00 horas. Acompañados por un grupo galego de gaitas farán o seguinte percorrido: de Cervantes ao Toural, pasando por Caldeirería, rúa da Conga e rúa Nova. O festival dará comezo ás 21:45 horas cun desfile desde o Paseo Central da Alameda ata a praza da Quintana.

Bailarán cada xornada tres grupos no escenario da Quintana desde as 22:30 horas. O sábado participan Cantigas e Agarimos (Santiago); Xeitosos deTraxo;  e grupo de danzas Meatzaldeko Harrigorria (Gallarta-Bizkaia).

Xa o domingo os grupos encargados de animar na Quintana serán: Brincadeira (Santiago); Agrupación Folclórica Colexiata do Sar (Santiago); e Rancho Folclrórico de Fafe (Fafe-Portugal).

Música e bailes latinos na Alameda

Para mañá sábado, a xornada comezará coa final do XXXII Campionato de Chave masculino e a cuarta edición do Campionato feminino, nas modalidades masculina (32 parellas participantes) e feminina (8 parellas participantes) que competirán no Paseo da Ferradura a partir das 19:45 horas.

 

No apartado musical, desde as 20:30 horas e ata máis alá das tres da madrugada os forofos do baile poderán ver a auténticos profesionais no Paseo Central da Alameda co espectáculo Espírito Latino. Na carpa acturán dous grupos de música latina, Cuba-Son e Café Brasil con dous pases diarios e a animación de Dj’s nos descansos; como especialistas en bailes latinos o mércores-21 actuará un grupo de cinco bailarinas, Brasílica, con dúas exhibicións de media hora. Segundo explicou o organizador da carpa, Miguel Martín, haberá tamén clases de baile todos os días a cargo do grupo Sabor Latino, e exhibición de capoeira maña sábado e o vindeiro xoves-22 da man do grupo Nagó.