As Festas do Apóstolo comezan mañá venres co pregón da coñecida parella televisiva formada por Yolanda Castaño e Jorge Mira

melendiA xira dos 40 Principales Xacobeo, copatrocinada polo Concello de Santiago, achega ao Obradoiro o concerto do asturiano Melendi, quen segue colleitando éxito co seu último traballo “Curiosa la cara de tu padre”

Serán 16 días de festa repletos de concertos, espectáculos e actividades dirixidas a toda a familia

As Festas do Apóstolo 2010 comezan mañá venres coa habitual lectura do pregón de inicio de festas. Este ano a noite comezará ás 21:30 horas, momento no que todos os presentes na praza do Obradoiro poderán facer máis curta a súa espera con diversos videos musicais e a actuación ás 22:00 horas do grupo vigués os Martynez.

Xa ás 23:00 horas terá lugar o dobre pregón da man dos galegos Yolanda Castaño e Jorge Mira. Esta parella é coñecida por participar no programa da TVG Cifras e Letras. Yolanda Castaño é poetisa e crítica literaria en lingua galega e Jorge Mira é físico, investigador, divulgador científico e colaborador en diferentes medios de comunicación. E ás 23:00 horas arrinca a festa coa música de Melendi. Este concerto forma parte da Xira 40 en Xacobeo, que xa levou Efecto Mariposa a Lugo e Macaco a Ourense. O asturiano presentará na cidade os temas do seu último álbum “Curiosa la cara de tu padre”. O concerto do artista asturiano, organizado polos 40 Principales, está patrocinado pola Concellería de Festas de Santiago e o Xacobeo.

 

Pola tarde, as actividades comezan na Alameda no Paseo da Ferradura coas semifinais do  XXXII Campionato de Chave masculino e feminino. Ademais, os ritmos latinos non faltarán neste primeiro día de festas coa inauguración de Espirito Latino nunha carpa situada na Alameda, que contará con música e bailes, capoeira, disc-jockeys e a actuación dos grupos Cuba-Son e Café Brasil, os cales realizarán dous pases diarios durante as dúas semanas de festa.

Haberá gran variedade de música para toda clase de público

O cartel deste ano aglutina actividades e concertos de todos os estilos que cada vez contan con máis participación cidadá de todas as idades e gustos. Grandes artistas de nivel nacional e internacional pasarán por Santiago para festexar cos composteláns as celebracións do Apóstolo.

Haberá máis dunha ducia de grandes espectáculos e concertos que se celebrarán no Obradoiro, na Quintana e no Toural (10 concertos programados). Ademais, as actividades tradicionais terán un lugar destacado, ao igual que a mostra de folclore galego, o Día do Traxe, as orquestras, actuacións para nenos na Alameda e diferentes actividades polas rúas da cidade.

Entradas para os concertos

Os interesados xa poden mercar as entradas para os concertos non gratuítos. As actuacións de Bebe e Amen Gospell Choir pódense adquirir a través da web de www.caixagalicia.es e no 902 434 443; para o espectáculo de Aida Gómez, Carmen de Bizet en www.caixanova.es e no 902 504 500; e para o concerto de Pereza en www.servicaixa.com ou a través da taquilla telefónica no 902 332 211. Ademais, a partir do próximo luns-19 poderanse mercar na taquilla do Teatro Principal en horario de 17:00-21:00 horas.