A parella televisiva formada por Yolanda Castaño e Jorge Mira dará a benvida as festas do Apóstolo no ano Xacobeo

Festas_Apstolo_201o_Montse_Cillero_tcnica_do_departamento_de_Festas_e_o_concelleiro_de_Festas_Xos_Baqueiro_1O programa esténdese ao longo de 16 días de festa, con 13 grandes espectáculos de música onde destacan Melendi, Bebe, Pereza e o ballet de Aída Gómez

Xosé Baqueiro, concelleiro de Festas: “En pleno Ano Santo, as festas preséntanse cheas de grandes actuacións e concertos en diferentes escenarios, como a praza do Obradoiro, Quintana, Toural e Alameda”

O concelleiro de Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, presentou hoxe o programa de festas do Apóstolo 2010. En pleno Ano Santo, as festas da cidade preséntanse con 16 días (16-31 de xullo) “cheos de grandes actuacións e concertos en diferentes escenarios da cidade, como a praza do Obradoiro, Quintana, Toural e Alameda” –apuntou Baqueiro.

O programa ten un carácter claramente plural con actividades pensadas para todos os públicos, con variedade de xéneros musicais e de danza, e por suposto, as actividades tradicionais galegas e a clásica animación de rúa. Neste punto, Baqueiro recalcou que as festas están moi marcadas pola liña de austeridade necesaria en época de crise económica, polo que as actividades programadas polo Xacobeo para estas dúas semanas de xullo veñen a pechar un “gran elenco de artistas”.

 

O deseño do cartel, realizado pola empresa Permuy Asociados, ten un simbolismo xacobeo, coa cuncha da vieira dos peregrinos chea de cores para representar os grandes Fogos do Apóstolo, que neste 2010 se estenderán durante unha semana completa a partir da noite do 24. Ademais, no cartel figura o Camiño de Santiago trazando unha ruta coas grandes actuacións previstas para eses días.

A troula comezará a noite do venres-16 co pregón típico de inicio, nesta ocasión a cargo de Yolanda Castaño e Jorge Mira, que terán a honra de dar a benvida ás festas. Esta parella é coñecida por participar no programa da TVG Cifras e Letras. Yolanda Castaño é poetisa e crítica literaria en lingua galega e Jorge Mira é físico, investigador, divulgador científico e colaborador en diferentes medios de comunicación. Ademais é resonsable do Programa ConCiencia do Consorcio de Santiago e a USC, unha iniciativa de divulgación científica que se desenvolve coa participación de diferentes Premios Nobel de matemáticas e ciencias da computación.

A noite do 24 de xullo hai cita obridada cos fogos grandes do Apóstolo e a Queima da Fachada Gótica. Este ano, o espectáculo pirotécnico estará a cargo da empresa Vicente Caballer, que xa realizou os fogos do Xacobeo 99 e 2004.. Ademais, a partir desa noite, haberá espectáculo de luz e son desde o Obradoiro durante toda a semana. Os fogos de fin de festa, o sábado-31, celebraranse na Escalinata do Campus Sur.

Concertos de gran formato

Haberá 13 grandes espectáculos e concertos que se celebrarán na Quintana e Obradoiro. Artistas tan recoñecidos como Melendi,  Bebe, Pereza, Lamatumbá, Milladoiro, Elvis Costelo e Diana Krall, Mark Knopfler, e Jean-Michel Jarre, entre outros, daranse cita na capital galega ao longo do mes de xullo. Ademais, haberá epectáculos de danza como o da compañía BStudio de Santiago, a Nova Galega de Danza, recén chegados da Exposición 2010 de Shangai, e a compañía de ballet de Aida Gómez coa súa obra Carmen de Bizet.

A música no Toural

Unha parte moi importante das festas son as actuacións na Praza do Toural, onde se realizarán nove concertos de diferentes estilos musicais:

-Xoves, 22 (24:00 horas). Charco, banda que naceu en 2008 no Liverpool Institute for Performing Arts, cun estilo musical que combina tango, blues, flamenco e música latina.

-Venres, 23 (12:30 horas).Cuba-Son.

-Sábado, 24 (1:00 horas). Víctor Aneiros. Guitarrista e compositor de Rock-blues, considerado un dos pioneros do blues en galego.

-Domingo, 25 (24:00 horas). SEM Big Band. O Estudo Escola de Música pon en marcha unha nova agrupación musical, a S.E.M. Big Band, unha orquesta de música moderna onde se abarcan moi diversos estilos: jazz, latin, fusión...

-Martes, 27 (23:30 horas).CrazyPonys (grupo galego que realizará un tributo á música de Neil Young).

-Mércores, 28 (23:00 horas). Esguince, con música dos 70.

-Xoves, 29 (1:00 horas). Nightlosers e Flirt, música e arte da mímica desde Rumanía.

-Venres, 30 (24:00 horas). Trigon, Nightlosers e Flirt de Rumanía.

-Sábado, 31 (24:30 horas). Liridade Noctámbula.

Entre as actividades máis tradicionais, celebraranse as Xornadas de Folclore Galego, Día do Traxe Galego, campionato de chave, exposición de automóbiles e traxes, Festa do Escalo de Chaián, Campionato galego de patinaxe artística sobre rodas, ou as diferentes actividades polas rúas da cidade como as charangas, os xigantes e cabezudos, a carpa na Alameda coas orquestras, as actividades do Espírito Latino e as atraccións.

Trala descrición do programa, Baqueiro convidou aos composteláns e visitantes a participar activamente de todas as actividades dos 16 días de festa deste ano Xacobeo.