A cidade de Santiago participa nun proxecto europeo destinado a mellorar a sostibilidade enerxética dos barrios

Proxecto FasudirÉ unha das tres urbes europeas elixidas como caso de estudo, xunto con Frankfurt e Budapest

O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo FASUDIR (Friendly and Affordable Sustainable Urban District Retrofitting; http://fasudir.eu), centrado en xerar unha ferramenta para a toma de decisións co fin de lograr a eficiencia enerxética dos edificios e barrios das cidades de Europa. A cidade compostelá intervén neste programa como caso de estudo. Os socios do proxecto reuníronse estes días en Budapest.

O proxecto púxose en marcha en setembro de 2013 e concluirá a finais de agosto de 2016. Está integrado por 11 socios de cinco países: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e Alemaña. Entre os tres socios que participan por parte de España está o Consorcio de Santiago. Cada semestre ten lugar unha reunión de coordinación xeral, de cara a seguir o curso do proxecto e programar os sucesivos meses de desenvolvemento do mesmo.

Unha ferramenta capaz de simular as condicións climáticas e socioeconómicas dun distrito urbano

A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que o seu obxectivo principal é “crear unha ferramenta web que utiliza repositorios de datos multifuncionais, capaz de simular as condicións climáticas e socioeconómicas dun distrito urbano para poder seleccionar as áreas máis vulnerables, as que teñen máis posibilidades de desenvolver tecnoloxías de xeración de enerxías limpas ou as que están menos preparadas fronte ao Horizonte2020”.

“A ferramenta é amigable dende o punto de vista do usuario, de xeito que facilite a toma de decisións á hora de escoller a estratexia de rehabilitación máis axeitada. Os usuarios poden ser tanto os responsables políticos, como os administradores de fincas ou os propietarios ou usuarios de edificios e vivendas, e disporá de niveis de información diferenciados para cada caso” -indica a arquitecta-. Salienta que “a finalidade é mellorar a sostibilidade da cidade partindo das persoas e dos barrios ou distritos urbanos como contorna natural da vida cotiá, a través de intervencións tanto nos edificios como nos espazos públicos”.

En Santiago estase a estudar unha área da cidade histórica que abranque os barrios do Castiñeiro, Pelamios e Vista Alegre; unha zona cunha gran variedade edificatoria

A ferramenta aplicarase en tres casos de estudo que permitirán contrastar e validar o programa en áreas urbanas diferentes. Así, seleccionouse a cidade de Santiago, xunto con barrios de Frankfurt e Budapest. Nas cidades alemá e húngara estanse a estudar edificios dos anos 70 do século XX, tecidos sociais erguidos con filosofías aparentemente moi distantes pero que coinciden nos materiais e formas urbanas coa capital compostelá. En Santiago trátase dunha área da cidade histórica que abranque os barrios do Castiñeiro, Pelamios e Vista Alegre. “É unha área rica socialmente, cunha variedade de usos moi alta, con vivendas históricas e do século XX, edificios de uso universitario, sociocultural, deportivo, aparcadoiros… e tamén con moito espazo verde” -sinala a arquitecta-.

Na xuntanza celebrada en Budapest presentouse unha versión beta da ferramenta FASUDIR, que se está a aplicar sobre o caso compostelán, sobre un modelo en 3D de toda a cidade, e a caracterización dos diferentes tipos de edificios presentes na área de estudo.

O seguinte paso será analizar as demais variables, entre elas a socioloxía particular da área de estudo, a xeometría detallada (forma do tellado, coeficientes de ocos e muro, por exemplo) e a calidade construtiva dos seus edificios, así como a súa demanda enerxética (consumo de gas, gasóleo, electricidade e auga). A ferramenta analiza a área urbana en relación aos indicadores e metodoloxía que se definiron en fases anteriores do proxecto.