A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta temporada un ciclo de concertos para o público máis novo e para as familias a un prezo reducido

A primeira destas actuacións celebrarase este venres, ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia

As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu 20º aniversario esta temporada, na que buscará un maior achegamento a novos públicos. Dentro deste propósito artellouse o ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, unha serie de seis concertos repartidos ao longo da temporada, nun horario máis accesible para o público familiar e a un prezo reducido. En cada unha destas actuacións, que se celebrarán os venres ou os sábados pola tarde, interpretarase unha selección das pezas máis populares do concerto de abono desa semana, baixo a batuta do mesmo director.

O primeiro destes concertos terá lugar este venres, 2 de outubro, ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

O mestre titular da orquestra, Paul Daniel, dirixirá a Overture (From an unifished opera) do compositor galego Eduardo Soutullo, obra que a orquestra estreará o xoves no concerto inaugural da temporada. Ademais, os asistentes ao concerto do venres terán a oportunidade de gozar dun fragmento da Sinfonía nº 5 de Sibelius.

A través desta iniciativa o Consorcio de Santiago busca que os máis novos e as familias poidan achegarse á música clásica a través da Real Filharmonía de Galicia. As seguintes citas terán lugar o 24 de outubro co Frankestein! de Gruber, baixo a dirección do galego Diego García Rodríguez e coa colaboración de Julián Hernandez, de Siniestro Total, como chansonnier. O 11 de decembro a Escolanía da Catedral de Santiago porá os coros a obras moi populares. O 13 de febreiro a RFG e a Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Santiago celebrarán un concerto conxunto. O 13 de maio, xunto ao Orfeón Terra A Nosa e as sopranos Cecilia Rodríguez-Morán e Ingriga Gápová, os músicos interpretarán unha selección de O soño dunha noite de verán de Mendelssohn. Por último, o 4 de xuño a orquestra trasladarase ao Parque Eugenio Granell para tocar unha obra do galego Octavio Vázquez, co acompañamento da gaiteira Cristina Pato.