Dous músicos noveis galegos tocarán como solistas coa Real Filharmonía de Galicia xunto con outros mozos procedentes de Rusia, Bielorrusia e Holanda

O V Festival Internacional Peregrinos Musicais, destinado a apoiar a novos talentos, clausúrase este venres en Santiago

A batuta levaraa o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave

O V Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos, clausúrase este venres, 25 de setembro, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos noveis de Galicia, Rusia, Bielorrusia e Holanda. A cita terá lugar ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.

Do total dos 17 mozos que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles entre 11 e 21 anos de idade, escolléronse a 7 para intervir como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos Silvia Rozas, frautista de Burela de 17 anos; e Álvaro Jurado, percusionista de Baiona de 21 anos que toca a marimba. Procedentes de Rusia participarán Alexandra Arsenova, que con tan só 11 anos xa toca a arpa; o violinista Georgy Ibatulin e o cellista Grigory Filipchenko. De Bielorrusia actuará o xove pianista Vladislav Kahndogiy e de Holanda a tamén violinista Hawijch Elders.

Novos talentos galegos abrirán e pecharán o concerto

A frautista burelense Silvia Rozas será a encargada de abrir o concerto. Rematou o grao profesional no Conservatorio de Viveiro con Premio de Fin de Grao. Cursou 1º no Conservatorio Superior de Música da Coruña con 16 anos; que simultaneou coa súa formación na Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago co frautista principal da Real Filharmonía de Galicia, Laurent Blaiteau. Gañou varios certames musicais, entre eles o III Concurso de Interpretación coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia.

O percusionista de Baiona Álvaro Jurado pechará o concerto. Cursa 4º no Conservatorio Superior de Vigo e estuda na Escola de Altos Estudos Musicais con José Vicente Faus, percusionista principal da RFG. Integrado nas bolsas de instrumentistas da Xove Orquestra Nacional de España e da Orquestra Sinfónica JMJ de Madrid, foi seleccionado para formarse en diferentes orquestras de España, Portugal, Alemaña e Luxemburgo.

A primeira experiencia tocando cunha orquestra profesional

A directora artística deste certame de música clásica é a pianista rusa afincada en Santiago Ilona Timchenko. Salienta que “a través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a xoves promesas que moi pronto serán profesionais da música. É un xeito de poñer ao seu alcance grandes escenarios, gozan dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra de tanto prestixio como é a Real Filharmonía de Galicia”. Así, para a maioría dos rapaces será a primeira vez que toquen cunha orquestra profesional, o que “representa un paso moi importante na carreira de calquera músico”.

“Todos os rapaces seleccionados neste certame teñen un moi alto nivel, tal como demostra a evolución dos participantes en edicións anteriores” -asegura a directora-. Sinala ademais que o público terá a oportunidade de escoitar dous instrumentos que non adoitan ter un papel solista cunha orquestra sinfónica, como é o caso da arpa e a marimba, co aliciente de seren tocados por rapaces moi novos.

De obras clásicas a contemporáneas

A actuación arrancará co Concerto para frauta do músico alemán Carl Reinecke (1824-1910). A continuación a orquestra interpretará parte do Concerto para violín nº 1 do compositor romántico alemán Max Bruch (1838-1920), parte do Concerto para arpa do austríaco Dittersdorf (1739-1799) e o terceiro movemento do Concerto para piano nº 9 “Jeunehomme” do xenial Mozart.

A segunda parte iniciarase co primeiro movemento do Concerto para violín en Re maior de Beethoven. Seguirá co primeiro movemento do Concerto para cello nº 1 de Dmitri Shostakovich (1906-1975). E a cita rematará co segundo movemento do Concerto para marimba do compositor francés Emmanuel Séjourné (1961-1908).