A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta tarde un concerto gratuíto ao aire libre na Zona C de Bonaval, que comezará ás 20:00 horas
- Detalles
- Categoría: Consorcio de Santiago
- Published: Venres, 18 Setembro 2015 09:51
- Escrito por Eva
- Visitas: 419
A orquestra concluirá este primeiro ciclo de actuacións na rúa mañá sábado cun concerto na Praza Roxa
O Consorcio de Santiago está a promover o achegamento da Real Filharmonía de Galicia e a música clásica aos cidadáns. Dentro deste propósito, durante toda esta semana estanse a celebrar concertos gratuítos en barrios significativos da cidade compostelá, ao aire libre, aínda que están previstos espazos alternativos para os días que choiva. A batuta lévaa o mestre holandés afincado en Galicia Bram Sniekers, director artístico do Conservatorio Profesional de Música de Lalín e director da súa orquestra.
O primeiro destes concertos tivo lugar o martes en Fontiñas, en Área Central; seguido do Auditorio de Galicia o mércores e do barrio de Conxo onte xoves. Esta tarde, ás 20:00 horas, terán a oportunidade de desfrutar da orquestra os veciños do barrio de San Pedro; o encontro musical será no xardín da Zona C e, se chovese, sería na igrexa de San Domingos de Bonaval, aínda que as previsións meteorolóxicas son favorables.
O último concerto deste ciclo será mañá sábado no Ensanche. Neste caso a Praza Roxa é o escenario escollido para que os cidadáns poidan gozar da música clásica e da propia Real Filharmonía de Galicia.
Obras populares para todos os públicos
A Real Filharmonía achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa obertura de As vodas de Fígaro de Mozart (1756-1791). De seguido a orquestra tocará a obertura de Coroliano de Beethoven (1770-1827). Os asistentes tamén poderán escoitar parte da Suite nº 1 “Peer Gynt” do compositor noruegués Edvard Grieg (1843-1907).
Os músicos tocarán ademais a obertura de As Hébridas de Mendelssohn (1809-1847). A continuación a RFG interpretará a obertura de A italiana en Alxer do compositor italiano Gioachino Rossini (1792-1868). Os concertos rematarán cun fragmento de O soño dunha noite de verán de Mendelssohn.