A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece 14 prazas para que rapaces de entre 5 e 14 anos, estudantes de música, realicen un curso de corda no centro

Son 8 prazas para a especialidade de violín, 4 para violoncello e 2 para contrabaixo

Os alumnos interesados poden inscribirse ata o 4 de novembro 

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, préstalle unha especial atención á formación musical dos máis pequenos. Así, o centro acaba de poñer en marcha unha nova edición do curso de corda para nenos, centrado nas especialidades de violín, violoncello e contrabaixo. As clases comezarán en novembro de 2015 e prolongarase ata o mes de maio de 2016.

Esta iniciativa diríxese a rapaces, estudantes de corda, de entre 5 a 14 anos de idade. O centro ofrece un total de 14 prazas. Delas 8 son para as clases de violín, 4 para violoncello e 2 para a especialidade de contrabaixo. Os profesores son docentes da propia Escola, que á súa vez son, na súa maioría, músicos integrantes da Real Filharmonía de Galicia.

O 10 de novembro realizarase unha audición para seleccionar os alumnos 

Os alumnos interesados en participar neste curso deberán presentar unha solicitude ata o 4 de novembro, a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Para acceder ao mesmo, o 10 de novembro, ás 18:30 horas, realizarase unha audición na sede da EAEM, onde os rapaces deberán interpretar unha obra de libre elección.

En canto aos contidos desta experiencia formativa, serán un mínimo de dez horas de preparación individual repartidas ao longo de todo o curso. Tamén haberá un mínimo de cinco horas de actividades colectivas de agrupación instrumental. E, ademais, realizarase un concerto no mes de xuño, onde os alumnos interpretarán tanto obras individuais como de conxunto como colofón aos seus estudos.