O 7 de setembro remata o prazo para optar a unha praza de violoncello e outra de trompa dentro do curso de posgrao de especialización orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais

O día 15 deste mes realizaranse as probas de acceso para estas dúas especialidades

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional. O pasado mes de xuño realizáronse as probas para acceder ao curso e quedaron desertas as especialidades de trompa e violoncello.

O centro puxo en marcha unha convocatoria extraordinaria para cubrir as prazas destes dous instrumentos. As solicitudes para inscribirse nestas especialidades deberán presentarse antes do 7 de setembro a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán presentar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas.

Os preseleccionados realizarán un proba final, que consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado. As probas celebraranse o día 15 de setembro na escola.

Prácticas coa Real Filharmonía de Galicia

Este curso de posgrao dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de xuño de 2016. Ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por mestres de recoñecido prestixio convidados pola Escola. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.