O Consorcio de Santiago vai limpar e reparar a torre do campanario da igrexa da Peregrina, afectada pola entrada de auga

Os traballos, cuxa duración estímase en tres meses, teñen un orzamento global de 40.574,59 euros

O Consorcio de Santiago vai limpar e reparar a torre do campanario da igrexa da Peregrina, situada na parroquia do mesmo nome. A intervención é urxente debido á importante entrada de auga no campanario e no seu contorno. Os traballos, cuxa duración estímase en tres meses, teñen un orzamento global de 40.574,59 euros.

Este templo, de estilo barroco clasicista, pódese datar pola inscrición na fachada en 1795. O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, explica que “nesta fase preténdese abordar os problemas de entrada de auga no contorno da torre do campanario. Así mesmo, tratarase o rexuntado dos muros de cantería da torre e o encontro entre a torre e o tellado”. Segundo asegura o arquitecto, percíbese a entrada de auga dende a terraza do campanario e dende a ventá situada na fachada principal enriba da porta. “A humidade apréciase con claridade na cara interior da fachada principal, no piso do coro e no contorno do vestíbulo” -afirma-.

Pablo Tomé explica que, “en xeral, todos os planos saíntes das cornixas da torre e demais ornamentos arquitectónicos son moi amplos, con moi pouca pendente de expulsión da auga de choiva. Ademais, a orientación da fachada da igrexa fai que a entrada de auga impulsada polo vento sexa importante”.

Intervencións propostas

O obxectivo principal da intervención é a eliminación das humidades existentes no contorno da torre do campanario. Para iso levarase a cabo a limpeza da fachada do campanario, previa aplicación dun herbicida de baixo impacto no medio natural.

Trala limpeza da torre e o contorno da fachada, renovaranse os rexuntados que estean deteriorados para impedir a entrada da auga no interior da fábrica. Logo limparanse en profundidade as xuntas abertas que teñan sido invadidas por plantas e raíces, así como as gretas e fisuras para eliminar todo o material de aporte tanto do vento como das aves e demais colonizadores.

Substitución da claraboia

A torre ten unha terraza cunha claraboia de saída de madeira revestida cun perfil de aceiro. Esta carpintería atópase en moi mal estado e foi obxecto de diferentes arranxos para impedir que entrase a auga. Así mesmo, foi revestida recentemente con poliéster e fibra de vidro, pero con iso non se conseguiu evitar a entrada de auga; polo que se propón substituír a claraboia por outra máis lixeira e que facilite a ventilación e a saída á terraza das campás. 

Renovaranse os xugos das campás

As dúas campás da igrexa, situadas na torre do campanario, dispoñen, cada unha delas, dun xugo en moi mal estado, polo que se renovarán. Ademais, as campás teñen un sistema automático de toque e nunha delas a percusión prodúcese pola cara exterior, o que vai en contra do correcto uso da campá e pode deteriorala; de xeito que se cambiará o sistema de percusión automático.

Por outro lado, “o estado do tellado non é malo pero o faldrón norte ten unha alta porcentaxe de tella en mal estado, de xeito que se recolocarán as tellas e renovarase boa parte delas” -sinala o arquitecto do Consorcio-.

O rueiro da Peregrina

A igrexa da Peregrina sitúase nun rueiro xunto á estrada que comunica a Ponte do Romaño co Val do Dubra, a 6 quilómetros de Santiago. O conxunto da igrexa, pechado cun pequeno balado, está formado por un excelente cemiterio, a antiga casa de autopsias, un hórreo, unha carballeira cun magnífico e recolecto palco de música, un cruceiro, a casa reitoral e unha escola. No campo anexo hai un campo de fútbol sobre os terreos que foran do igrexario. “A Peregrina representa un extraordinario exemplo dun lugar que soubo medrar sen rachar coa historia do lugar asentado no val” -manifesta Pablo Tomé-.