A Real Filharmonía de Galicia participa en “Música en Compostela” con dous concertos dedicados á música española dirixidos por Maximino Zumalave

O primeiro celebrarase este mércores día 5 e o segundo o venres 7, ambos ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia 

A actuación do mércores centrarase en obras de tres compositores galegos: Rogelio Groba, Octavio Vázquez e Xavier de Paz  

A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis na 58º edición do  Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela” con dous concertos. O primeiro celebrarase este mércores, 5 de agosto, e o segundo o venres día 7. Ambas citas terán lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

O concerto do mércores comezará con Intres boleses, do compositor de Ponteareas Rogelio Groba (1930), obra cualificada polo autor como unha suite barroca. Estreouse no ano 1978 no Teatro Malvar de Pontevedra cos músicos da Orquestra Municipal da Coruña dirixidos polo propio Groba.

De seguido a orquestra interpretará Hermes, do músico compostelán Octavio Vázquez (1972), con residencia habitual nos Estados Unidos. Trátase dunha obra encargada pola Real Filharmonía de Galicia e estreada en 2004 tamén no Auditorio de Galicia, baixo a batuta de Maximino Zumalave.

O concerto rematará cunha obra do coruñés Xavier de Paz

O concerto rematará coa obra From flame to memory do coruñés Xavier de Paz (1963), feita tamén por encargo da Real Filharmonía de Galicia para estreala na súa temporada 2007-2008, dirixida entón polo mestre Zumalave. Esta obra representa unha ruptura coa súa produción anterior, cunha estética máis próxima ao neoexpresionismo, pero mantendo o trazos compositivos tan representativos do autor. A peza xorde dunha etapa de reflexión de Xavier de Paz e de necesidade de reformulación dos procedementos creativos e de apertura a novas canles de comunicación.