O Consorcio de Santiago licita a intervención nas revocaduras, nas cubertas e no patio de acceso á igrexa do convento de Santa Clara

As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 24 de agosto

O Consorcio de Santiago licita a intervención nas revocaduras, nas cubertas e no patio de acceso á igrexa do convento de Santa Clara co fin de eliminar as humidades. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de agosto. O importe global das obras, cun prazo de execución estimado de seis meses, ascende aos 127.317,17 euros.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que o obxecto da obra é a eliminación das humidades da nave e do transepto sur da igrexa. Recentemente o Consorcio actuou na tarima do templo, colocada en torno aos anos 10 ou 20 do século XX. “Neste proceso viuse que a pedra secada e limpa para colocar a nova tarima cubríase, coas primeiras choivas, dun fino manto de mofo nas partes máis expostas á entrada da auga, sobre todo no transepto sur” -sinala-.

Aplicaranse novas revocaduras e revisarase o tellado

“As revocaduras que se aplicaron en obras anteriores están moi fisuradas, desprendidas do soporte e non son garantía nin protección dos muros” -indica Camiruaga-. Polas fisuras e gretas entra moita auga de escorrentía, que ten máis problemas en saír, polo que se vai acumulando nas partes baixas do muro sur da nave e do transepto sur. Así, eliminaranse todas as revocaduras exteriores e trataranse cun biocida os paramentos externos dos muros para eliminar os mofos e fungos. Aplicaranse novas revocaduras e, finalmente, pintaranse os muros.

Por outro lado, a arquitecta sinala que o tellado necesita unha revisión, así como os canlóns e baixantes, pois deixan saír moita da auga de choiva que recollen, de xeito que se empapa aínda máis o terreo e empeora o problema da humidade interior.

Intervención no xardín de acceso á igrexa e no patio pechado

O xardín de acceso á igrexa ten unha pendente que dirixe a auga da choiva contra o templo, que non posúe ningunha canle de recollida das augas, polo que as absorbe cara ao interior das fábricas. Ante esta situación, remodelarase o recheo do xardín, ao tempo que se trazará unha rede de recollida das augas pluviais para conducilas lonxe dos muros.  

Por outro lado, entre os muros do presbiterio e do transepto sur hai un pequeno patio pechado sen acceso posible, co que non ten posibilidade de mantemento salvo mediante o uso de estadas ou grandes escaleiras. Este espazo non conta cunha saída da auga da choiva, que vai cara ás fábricas, de maneira que se intervirá para reconducir as pluviais. 

Ademais, prevese modificar as fiestras da nave para aumentar a ventilación da igrexa sen causar falta de confort aos usuarios. 

A importancia de manter os bens da igrexa lonxe da humidade

“A durabilidade da nova tarima e a conservación dos bens de calidade que posúe a igrexa son incompatibles coa entrada de auga e a alta humidade relativa do interior” -manifesta a arquitecta do Consorcio-. Entre estes bens destacan os retablos, que sofren coa humidade porque son máis proclives aos ataques dos xilófagos. Tamén, no coro alto, que está separado da igrexa por unha simple reixa, hai un órgano barroco de excelente son que se ve afectado pola humidade.