O Consorcio de Santiago está a restaurar o retablo da Virxe de Montserrat da capela do Hospital de San Roque

Datado no ano 1763, o conxunto presenta ataque de insectos e fungos xilófagos, así como perda de soporte e de dourados

O Consorcio de Santiago está a restaurar o retablo da Virxe de Montserrat da capela do Hospital de San Roque, situada na rúa do mesmo nome, co fin de garantir a súa conservación futura. Os traballos estaos a realizar a empresa Alfa ArteRestauración SRL. Tal como explica a restauradora, Ángeles Santiago, “o retablo é de estilo barroco, datado en 1763, realizado en madeira de castiñeiro tallada e policromada. Divídese en dous corpos: o inferior, cun camarín que alberga unha talla da virxe e o superior, na actualidade cunha talla de San Roque. O conxunto está rematado por unha imaxe que sostén a Deus pai sobre a representación do Espírito Santo rodeado de querubíns”.

Estado de conservación e alteracións

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, sinala que o estado de conservación da madeira deste ben moble é bastante bo, aínda que se teñen detectado diversas alteracións. Destaca en particular a presenza de insectos e fungos xilófagos, desensamblaxes provocadas pola perda de material de soporte, pezas soltas, unha notable acumulación de sucidade e polvo (que favorece a proliferación de humidade e de insectos), falta de pezas e elementos metálicos oxidados.

Sobre a madeira hai unha capa de estuco a base de xeso e cola, como preparación para a sucesiva aplicación do dourado e da policromía. Nalgunhas zonas está á vista, debido ao desprendemento de ouros e da policromía; e noutras desprendeuse totalmente, deixando a madeira á vista. “Trátase dun estuco moi delicado, que non se adhire ben ao soporte, o que provoca que amplas zonas estean levantadas en forma de escamas e a súa estabilidade sexa moi precaria” -indica a restauradora-. 

A intervención no conxunto

A intervención sobre a estrutura do retablo centrarase, en primeiro lugar, na revisión e arreglos da base para dar estabilidade á obra. Por outro lado, inspeccionarase o sistema de anclaxes, repoñendo os elementos que teñan perdido a súa función e tratando de maneira axeitada para a súa conservación aqueles aínda funcionais. Os elementos metálicos novos serán de aceiro inoxidable. Ademais, aplicarase un tratamento para a eliminación de xilófagos. E consolidaranse as partes do soporte que o necesiten por perda de consistencia ou por ataque dos insectos. 

En canto ao tratamento de elementos metálicos, retiraranse do retablo os cravos innecesarios ou os que xa non cumpran a súa función. Realizarase a limpeza mecánica e inhibición química da corrosión, co fin de illar e retardar o proceso de degradación ao que poden verse sometidos.

Segundo apunta a restauradora, a limpeza da superficie do retablo realizarase segundo se vaian sentando as capas de ouro e policromía. Ademais, unha vez resoltos todos os problemas estruturais, efectuarase unha limpeza química para retirar todos aqueles depósitos que desvirtúen a lectura da obra. E, como protección final, aplicarase un acabado tradicional en toda a superficie do retablo.

A intervención nas esculturas do retablo

Respecto á intervención nas diferentes esculturas do conxunto, levarase a cabo, ao igual que no retablo, un fixado previo da cor. Tamén se realizará a desinsectación, a consolidación do soporte, a reconstrución de todas aquelas zonas que o necesiten e a limpeza das tallas. Ademais, en relación á cor, as lagoas estucadas reintegranse con acuarela e/ou pigmentos ao verniz, co fin de devolver a uniformidade á obra. E aplicarase unha resina natural para protexer as imaxes do retablo.