A Real Filharmonía de Galicia supera o milleiro de seguidores en Twitter e acada os 2.632 fans en Facebook
- Detalles
- Categoría: Consorcio de Santiago
- Published: Martes, 14 Xullo 2015 09:03
- Escrito por Eva
- Visitas: 451
A orquestra conta tamén cunha canle de Youtube propia e algúns dos seus contidos xa sobrepasaron o milleiro de visualizacións
A Real Filharmonía de Galicia acaba de superar o milleiro de seguidores en Twitter. A día de hoxe xa alcanzou os 1.021. Creada en abril de 2012, a conta @rfgalicia triplicou no último ano e medio o número de seareiros. Nela publícase información relacionada cos concertos e actividades da orquestra, imaxes, noticias de interese cultural, enlaces a vídeos, etcétera.
Por outro lado, o perfil de Facebook da RFG acumula un total de 2.632 seguidores, dos que 1.934 son españois, 120 portugueses, 58 arxentinos... En tan só un ano logrou aumentar a cifra de “Me gusta/Gústame” nun 60%. Esta plataforma favorece a interacción entre o público e a agrupación. Con frecuencia os usuarios felicitan aos músicos, interésanse polas últimas novidades da orquestra e tamén polos próximos concertos que van ofrecer.
A Real Filharmonía de Galicia conta ademais cunha canle de YouTube propia a través da que se publican entrevistas realizadas a solistas, directores titulares ou invitados, así como determinadas actuacións da agrupación. A interpretación da Sinfonía “Pastoral” de Beethoven, o último concerto na compostelá Praza da Quintana durante a festividade do Apóstolo ou a presentación da violinista alemá Carolin Widmann son só tres exemplos de vídeos que superaron as mil visualizacións.