Unha exposición reúne un centenar de instantáneas do fotógrafo Ramón Sánchez Estalote, que retratou a alma de Compostela durante máis de seis décadas

A concelleira de Cultura, Branca Novoneyra, presentouna esta mañá na Casa do Cabido e o alcalde, Martiño Noriega, inaugúraa esta tarde, ás 19:00 h, no Museo do Pobo Galego

Baixo o título “Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de imaxes do fotógrafo compostelán. A mostra repártese entre a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) e o Museo do Pobo Galego.

Esta mañá presentouse a exposición da Casa do Cabido aos medios de comunicación, coa asistencia da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; a comisaria da exposición, Mercedes Rozas; xunto con familiares do fotógrafo homenaxeado. Esta tarde, ás 19:00 horas, terá lugar a inauguración da mostra situada no Museo do Pobo Galego, cos mesmos asistentes que no acto da mañá, ademais do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, os membros da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego e o público interesado en coñecer a exposición.

Ambas mostras reúnen no seu conxunto máis dun centenar de fotografías de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), coñecido na cidade como Moncho. Tanto na Casa do Cabido como no Museo do Pobo Galego pódese contemplar unha selección de imaxes vencelladas á peregrinación, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como fotografías relacionadas cos oficios da época, como as leiteiras que viñan dos pobos cercanos ou os feirantes.

As imaxes están contextualizadas literariamente con textos de García Márquez, Lorca ou Gerardo Diego, entre outros. En cada un destes espazos museísticos hai unha pantalla na que se recollen o total das imaxes, de xeito que nos dous museos se poden visualizar as instantáneas no seu conxunto. Son tanto reproducións feitas a partir dos negativos como fotos orixinais rescatadas do amplo fondo fotográfico que conserva a familia do autor. Na súa maioría trátase de imaxes  en branco e negro, aínda que tamén hai algunha iluminada con cor polo propio fotógrafo.

Tal como sinala a comisaria da mostra, Mercedes Rozas, “Estalote foi un deses fotógrafos ambulantes aos que non lle gustaba o estatismo da foto de estudio, detestaba a insistencia dos mesmos fondos nos retratos e as mesmas poses. Necesitaba o balbordo das aglomeracións nas festas, o axitado ambiente dunha mañá de feira ou o simple paso das nubes. Perseguía sempre un continuo cambio de escenario para as súas tomas”.

Coa súa cámara Leica ao ombro, Estalote deambulou durante máis de seis décadas por Compostela, e cando a cidade de nacemento lle quedaba pequena trasladábase ata Os Cantóns da Coruña ou ao barrio do Berbés en Vigo.

Sánchez Estalote era unha persoa introvertida, un dandi vestido de xeito impecable con traxe escuro e lentes de alta graduación. Existen moi poucos datos sobre a súa biografía, aínda que era moi coñecido en Santiago. “É a súa profesión a que nos achega as pegadas vitais necesarias para reconstruír a figura deste profesional que entra a traballar no compostelán negocio de Fotos Gamallo, situado na rúa das Orfas, aos catorce anos e mantense activo ata preto xa de cumprir os noventa” -apunta a comisaria da exposición-. 

Fotografou dende estudantes ata persoeiros políticos, relixiosos e militares

Mercedes Rozas resalta que a través das súas imaxes é posible seguir o rastro dun sumario histórico que se inicia nos anos vinte, cando realiza os seus primeiros encargos, retratos colectivos de escolas e vistas da catedral. Despois da paréntese da Guerra Civil, xa na década dos corenta, retoma o seu labor, retratando diversos personaxes da xerarquía política e relixiosa, retratos que serán nesa época, xunto aos desfiles militares e as procesións, algúns dos seus pretextos máis habituais. 

Pero o fotógrafo onde levantou acta da memoria do seu tempo foi na variada representación do cotián. O seu arquivo consta de centos de negativos e fotografías, moitos dos cales foron utilizados como postais para os turistas, pero nas que non figuraba o nome do autor, silenciado porque, entón, o traballo do fotógrafo considerábase só un oficio e non unha actividade artística.

A exposición poderá visitarse ata setembro no Museo do Pobo Galego e ata novembro na Casa do Cabido

A exposición do Museo do Pobo Galego poderá visitarse ata o mes de setembro, de martes a sábado de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas; os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns o museo permanece pechado.

Pola súa parte, a mostra da Casa do Cabido estará aberta ata novembro, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de 16:00 a 20:00 horas en inverno); e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.