Músicos procedentes de toda Galicia, de diferentes puntos de España, Portugal, Turquía e Perú lograron praza no curso de posgrao de Especialización Orquestral que imparte a Escola de Altos Estudos Musicais

Quedou deserta unha praza da especialidade de trompa e outra de violoncello, para as que se realizará unha convocatoria extraordinaria

A Escola de Altos Estudos Musicais, con sede en Santiago de Compostela, imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO), recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional. Naceu hai catro anos como unha experiencia pioneira en toda España.

O centro ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Dos 81 aspirantes que realizaron as probas de acceso, lograron unha praza un total de 16. Quedou deserta unha praza da especialidade de trompa e outra de violoncello, para as que se realizará unha convocatoria extraordinaria, cuxas probas terán lugar no mes de setembro.

Os xoves músicos seleccionados proceden de toda Galicia pero tamén de diferentes puntos de España, en particular de Andalucía, Castela e León, Navarra e Murcia. Ademais, tamén haberá este curso alumnos chegados doutros países como Portugal, Turquía e mesmo de Perú.

Os alumnos participan en concertos coa Real Filharmonía de Galicia

O curso dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de xuño de 2016. Este curso de posgrao proporciona aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por mestres de recoñecido prestixio convidados pola Escola. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.