A Real Filharmonía de Galicia celebrará 25 concertos na nova temporada de abono, ademais de actuacións na rúa, propostas didácticas e familiares e un concerto extraordinario polo seu 20º aniversario
- Detalles
- Categoría: Consorcio de Santiago
- Published: Mércores, 01 Xullo 2015 12:31
- Escrito por Azucena
- Visitas: 412
Destacan as colaboracións con músicos doutros estilos como Cristina Pato e Julián Rodríguez de Siniestro Total e do actor Luis Tosar
A orquestra tocará nas principais cidades galegas, en Bilbao e Portugal
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou esta mañá a súa nova temporada de abono 2014-2015 na súa sede, o Auditorio de Galicia. Asistiron ao acto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio da cidade, Belén Hernández; o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel; e o seu director técnico, José Montes.
O vindeiro ano celébrase o 20º aniversario da Real Filharmonía, que daba os seus primeiros pasos o 29 de febreiro de 1996. Así, ese mesmo día ofrecerase un concerto conmemorativo, baixo a batuta de Helmuth Rilling, que foi o seu primeiro director titular.
Nesta temporada a orquestra fará un percorrido polos seus vinte anos de vida, aunando pasado, presente e futuro, a través de 25 concertos de abono. Afrontará o repertorio clásico que a caracteriza, con obras de Bach, Haendel, Haydn, Mozart e Beethoven; e o Romanticismo da man de Schubert, Schumann e Brahms. Ademais, abordará o repertorio posromántico con Sibelius e Bruckner; ao tempo que se achegará ao neoclasicismo, ao impresionismo e ás vangardas.
Iniciativas para achegar a orquestra e a música clásica ao público
O alcalde incidiu no “prestixio” que a RFG lle dá á cidade. E referiuse á importancia de “poñer en valor os esforzos que se fixeron nestes 20 anos, achegando a orquestra ao público, sacándoa á rúa para que esta xoia sexa coñecida e popularizada nos barrios”.
A RFG arrancará a mediados de setembro con varios concertos na rúa; previstos en barrios significativos da cidade como Fontiñas, Vite, Conxo, San Pedro e na Praza Roxa. Así mesmo, co fin de acercar a orquestra e a música clásica ao público, celebraranse concertos didácticos para os colexios e actuacións para familias. Ademais, promoveranse concertos especiais, máis curtos e nun horario máis accesible para os máis novos, cun custo de cinco euros para os menores de 14 anos e entrada libre para os adultos que vaian acompañados dun menor. E haberá ensaios abertos ao público.
Luis Tosar, Cristina Pato e Julián Hernández de Siniestro Total
A Real Filharmonía colaborará con músicos doutros estilos. Así, no marco das Xornadas de Música Contemporánea, en outubro, a orquestra interpretará, entre outras obras, Frankenstein, composta a finais dos anos setenta do século XX polo austríaco Heinz Karl Gruber, para o que se contará coa participación do líder de Siniestro Total, Julián Hernández. E, como peche da temporada, a gaiteira Cristina Pato tocará coa RFG.
Con motivo dos 400 anos da morte de William Shakespeare, en febreiro celebrarase un concerto homenaxe ao dramaturgo inglés, no que o actor Luis Tosar colaborará como narrador do Hamlet de Shostakovich. Ademais, tamén se cumpren os 400 anos do falecemento de Cervantes, polo que a orquestra celebrará un concerto de homenaxe ás dúas ilustres figuras no mes de maio, con pezas inspiradas en obras de ambos autores.
Grandes directores e solistas e varias estreas
No transcurso da temporada contarase co mestre Antoni Ros Marbà, director da RFG durante catorce anos; Christoph König, principal director convidado da orquestra; e outras batutas xa coñecidas polo público como Clemens Schuldt, Edmon Colomer, Bram Sniekers, o xove Lorenzo Viotti ou o galego Diego García Rodríguez. Outros dirixirán a orquestra por primeira vez como Diego Masson, Enrico Onofri, Maxim Emelyanychev, Antonio Witt, o portugués Pedro Neves, Carlos Checa, Eduardo Portal e a directora Karen Kamensek.
Repecto aos solistas convidados, destacan figuras consagradas como as violinistas Baiba Skride e Viviane Hagner ou os pianistas Steven Osborne e Nicholas Angelich. Ademais, a RFG aposta por artistas novos pero que xa brillan no panorama internacional como a pianista rusa Varvara Nepomnyashchaya ou a soprano Sandra Pastrana. Tamén haberá unha importante participación de músicos da RFG como solistas.
A RFG protagonizará estreas absolutas con obras dos compositores galegos Eduardo Soutullo, que abrirá o programa de inauguración da temporada o 1 de outubro; e Octavio Vázquez, que porá o broche á mesma en xuño. Ademais, a orquestra participará nas Xornadas de Música Contemporánea, coa estrea en España dunha obra da compositora Thea Musgrave. E, nesta mesma liña, interpretaranse por primeira vez no noso país obras de creadores internacionais tan recoñecidos como Guillaume Conesson, Andrzej Panufnik, William Walton ou James MacMillan.
Cineuropa, concerto de Nadal e de Reis
Un ano máis a orquestra participará no Festival Cineuropa, intepretando a banda sonora de A muller lixeira, con motivo do 25 aniversario da morte da actriz Greta Garbo. E o xa tradicional concerto de Nadal achegará de novo ao público, en colaboración coa Obra Social La Caixa, O Mesías de Haendel, para o que se contará con grandes voces, xunto coas do coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e a participación de coros da cidade. O 5 de xaneiro celebrarase o tamén tradicional concerto da noite de Reis.
A orquestra participará ao longo da temporada en iniciativas e festivais como Peregrinos Musicais, o Festival Via Stellae, o Festival de Músicas Contemplativas, o concerto das Letras Galegas, o curso Música en Compostela e o xa tradicional concerto na Quintana no marco das Festas do Apóstolo.
Ademais, continuarase coa experiencia CONvers@ndo con. Os directores e solistas que participan nos concertos manteñen unha charla distendida co público antes de cada actuación, coa finalidade de acercar a música de maneira informal.
Concertos nas principais cidades galegas, Bilbao e Portugal
A Real Filharmonía de Galicia mantén a súa temporada de concertos estable na cidade de Vigo, onde a orquestra estará presente cun total de 7 actuacións. E desprazarase a outras cidades galegas como A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. En xaneiro ofrecerá dúas actuacións en Portugal e a principios de marzo participará, como xa vén sendo habitual, no Festival Musika-Música de Bilbao con tres concertos.