Oito alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais tocarán como solistas coa Real Filharmonía de Galicia no xa tradicional concerto extraordinario do centro

Celebrarase o venres día 12 no Auditorio Abanca de Santiago, ás 21:00 horas

A entrada é gratuíta, previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal ou no propio auditorio unha hora antes do concerto

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago que naceu hai catro anos como unha experiencia pioneira en España. Diríxese aos que remataron os seus estudos musicais e buscan integrarse nunha orquestra. Como colofón ao ano académico, varios alumnos do centro, seleccionados polo seu nivel de excelencia, participan como solistas nun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG).

O concerto desta edición celebrarase este venres, 12 de xuño, ás 21:00 horas no Auditorio Abanca de Santiago, situado no número 23 da rúa Preguntoiro. A entrada é gratuíta, previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas) ou no propio auditorio unha hora antes do inicio do concerto.

A escola e a orquestra conforman un proxecto musical único, xa que os profesores instrumentais da EAEM proceden da Real Filharmonía, coa que os alumnos participan nos seus concertos ao longo da temporada. Nesta ocasión os músicos estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG e da escola.

Os oito alumnos seleccionados para participar como solistas neste concerto son Carlos Gay, clarinete; Milagros García e Nuria González, violoncellos; José Luís García, contrabaixo; Elena Nuño, violín; David Sebastián, trompa; Virgina Suárez, frauta; e Marta Varela, óboe. Cada un deles protagonizará unha obra para o seu instrumento. Tocarán fragmentos do Concerto para frauta nº 1 de Mozart, do Concerto para violín en Mi maior de Bach, do Concerto para trompa nº 1 de Haydn, do Concerto para óboe de Richard Strauss e do Concerto para clarinete nº 2 de Weber. Ademais, interpretarán a Elexía nº 1 do compositor italiano Giovanni Bottesini, Elexía do francés Gabriel Fauré e Prayer do compositor suízo Ernest Bloch.