O 15 de xuño remata o prazo para inscribirse no curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais
- Detalles
- Categoría: Consorcio de Santiago
- Published: Luns, 01 Xuño 2015 10:47
- Escrito por Eva
- Visitas: 437
Diríxese a estudantes de música que desexen perfeccionarse en violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión
Os aspirantes terán que pasar unhas probas de selección, que se celebrarán a finais de xuño
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2015-2016. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión.
As solicitudes deberán presentarse ata o 15 de xuño a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os interesados terán que xuntar unha fotocopia do seu documento nacional de identidade; o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade; así como a relación de obras que cada un vai interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.
Probas e criterios de selección dos candidatos
As probas de selección das diferentes especialidades terán lugar os días 25, 26 e 27 de xuño na sede da Escola de Altos Estudos MusicaIs. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles candidatos que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.
O curso académico comeza no mes de outubro de 2015 e remata en xuño de 2016. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os participantes terán a oportunidade de ofrecer concertos públicos. Os alumnos recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.