A Real Filharmonía de Galicia estará presente no vídeo promocional das Cidades Patrimonio da Humanidade

Onte xoves graváronse as imaxes da orquestra tocando no seu concerto semanal no Auditorio de Galicia

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España está a gravar estes días en Santiago un vídeo promocional, co fin de difundir por todo o mundo os atractivos de cada unha das 15 urbes que conforman o grupo, incluída Santiago de Compostela. Entre as imaxes elixidas como representativas da capital galega atópase a Real Filharmonía de Galicia. Onte xoves pola noite gravouse á orquestra no Auditorio de Galicia, durante a celebración do seu concerto semanal de abono. 

A finalidade desta iniciativa é promocionar unha visión renovada das quince cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial. No caso de Santiago recollerase a Catedral, as súas prazas e rúas máis emblemáticas, varias mostras da arquitectura contemporánea, ademais do ambiente da propia cidade. E a Real Filharmonía de Galicia súmase así como un símbolo máis de Compostela.

Unha orquestra internacional 

A Real Filharmonía de Galicia daba os seus primeiros pasos en 1996 promovida pola Xunta de Galicia. Na actualidade está xestionada polo Consorcio de Santiago. A orquestra, integrada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades, ofrece cada temporada concertos nas principais cidades galegas e tamén en diferentes puntos de España. Destacan así mesmo as súas xiras internacionais, que ten realizado por países como Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina ou Portugal.

O seu último disco, editado en 2013, leva por título “Variaciones” e representa unha homenaxe da orquestra e a soprano María Bayo ao ilustre compositor aragonés Antón García Abril. Ademais, a Real Filharmonía de Galicia organiza ao longo da temporada varios concertos didácticos para nenos, o que posibilita que cada ano uns 7.000 escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica.