Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen mañá mércores un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

A entrada desta actuación é gratuíta ata completar aforo

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, mañá mércores, 20 de maio, ás 20:00 horas, os rapaces ofrecerán un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará a violinista Elena Nuño, que interpretará o Concerto para violín en Mi maior de Bach e o Concerto para violín nº 4 de Mozart, xunto á pianista Simona Velikova.

A continuación o contrabaixo José Luis García achegará ao público tres obras. Comezará coa Suite nº 5 de Bach, seguirá co Concerto para contrabaixo do compositor checo Johann Baptist Vanhal e rematará coa obra Fantasiestücke de Robert Schumann. Tamén o acompañará a pianista Simona Velikova.

A cita musical concluirá coa actuación do fagotista Óscar Galán, que tocará o Concerto para fagot do compositor romántico alemán Carl Maria von Weber xunto á pianista Haruna Takebe.