Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais de entre 5 e 14 anos deron un concerto esta mañá no centro

Son un total de catorce rapaces que tocan o violín, o violoncello ou o contrabaixo

Interpretaron obras individuais e de conxunto, baixo a batuta do director da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago, préstalle unha atención especial á formación musical dos máis pequenos. Este ano académico celebrouse unha nova edición do curso de corda para nenos, centrado nas especialidades de violín, violoncello e contrabaixo. Búscase así que as xeracións máis novas de músicos teñan a oportunidade de mellorar os seus coñecementos e a práctica en relación a estes instrumentos.

Como broche final do curso, que comezou en novembro de 2014 e acaba este mesmo mes de maio, os alumnos protagonizaron un concerto este sábado, 16 de maio, ás 12:45 horas no auditorio do propio centro. 

Na primeira parte do concerto, os rapaces, de entre 5 e 14 anos, interpretaron obras individuais para o seu instrumento, acompañados pola pianista Eriko Ishimoto. Tocaron pezas de diferentes épocas e estilos, entre elas composicións de Dare, Hayes, Saint-Saëns, Mlynarski, Rieding, Komarowski, Bach, Haendel, Fauré, Marcello, Bériot, Viotti ou Lalo.

Na segunda parte do acto, os xoves músicos integraron unha orquestra de cámara. Xuntos achegaron ao público obras de Gluck, Beethoven, Haydn e Schulz. Levou a batuta o director coruñés Jorge Montes, actual director da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor de violín no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Formado en Holanda e Italia, ten ofrecido concertos por toda Europa, Asia e Sudamérica. 

A través desta iniciativa os alumnos teñen a oportunidade de demostrar o que aprenderon ao longo do curso, apoiados polos seus profesores, na súa maioría músicos da Real Filharmonía de Galicia. Tres dos rapaces participaron este ano no III Concurso nacional de Violín “Pozuelo de Alarcón”; dous deles chegaron á final e outro obtivo o primeiro premio da súa categoría.