Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerán hoxe venres un concerto na residencia de maiores de Volta do Castro

O centro traballa por achegar a música de cámara a públicos e colectivos con dificultades como as persoas dependentes 

Os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, protagonizan varios concertos de música de cámara con fins sociais ao longo do ano. Así, hoxe actuarán na residencia de maiores de Volta do Castro. A cita musical comezará ás 12:00 horas.

O grupo de cámara da Escola estará integrado nesta ocasión por tres violíns, dúas violas e un violoncello. Os seis alumnos achegarán aos internos da residencia a Oración del Torero do compositor andaluz Joaquín Turina, Tango por una cabeza de Carlos Gardel, Habanera do compositor francés Georges Bizet, El día que me quieras de Gardel, Libertango do arxentino Astor Piazzolla, Andaluza de Enrique Granados, El Choclo do arxentino Ángel Villoldo e La Cumparsita de Gerardo Matos Rodríguez.

A Escola repite experiencia no xeriátrico de Volta do Castro, posto que os seus alumnos xa teñen amenizado aos residentes coas súas interpretacións noutras ocasións. Tal como indica o xefe de estudos da EAEM, Enrique Meyer, “dende o centro estamos encantados de difundir a música de cámara entre públicos e colectivos que non teñen a ocasión de achegarse a ela de maneira habitual como ocorre coas persoas maiores e os dependentes. E este tipo de iniciativas representan ademais unha boa oportunidade para que os novos intérpretes toquen en espazos públicos”.