O 25 de maio remata o prazo para inscribirse no curso de posgrao de especialización orquestral, que permite aos alumnos formarse coa Real Filharmonía de Galicia

É un título propio da Universidade de Santiago que se imparte na Escola de Altos Estudos Musicais

Os alumnos, un total de 18, recibirán unha bolsa de 300 euros ao mes

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

O curso dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de xuño de 2016. As solicitudes para inscribirse no mesmo deberán presentarse ata o 25 de maio a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. 

Todos os alumnos disporán dunha bolsa por unha cantidade de 300 euros ao mes. E, como alumnos de pleno dereito da Universidade de Santiago, terán posibilidade de aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da Escola.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por mestres de recoñecido prestixio convidados pola Escola. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

Os aspirantes terán que amosar as súas habilidades nunha audición

A Escola ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán presentar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas. Os preseleccionados realizarán un proba final, que consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.