Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerán dous concertos para adultos e nenos hospitalizados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Os xoves músicos amenizarán aos internos, mañá mércores ás 12:00 horas, con tangos para os maiores e obras infantís para os máis pequenos

Os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, protagonizan varios concertos de música de cámara con fins sociais ao longo do ano. Así, mañá mércores, ofrecerán dúas actuacións no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Ambas citas musicais terán lugar ás 12:000 horas.

Un grupo de alumnos visitará a unidade de Pediatría. Os nenos hospitalizados terán a oportunidade de desfrutar de varias obras infantís da man desta agrupación de cámara. 

Ademais, outro grupo de alumnos dará un concerto na área de Oncoloxía. Nesta ocasión serán tres violíns, dúas violas e un violoncello. Achegarán aos internos do Hospital Clínico a Oración del Torero do compositor andaluz Joaquín Turina, Tango por una cabeza de Carlos Gardel, Habanera do compositor francés Georges Bizet, El día que me quieras de Gardel, Libertango do arxentino Astor Piazzolla, Andaluza de Enrique Granados, El Choclo do arxentino Ángel Villoldo e La Cumparsita de Gerardo Matos Rodríguez.

Tal como indica o xefe de estudos da EAEM, Enrique Meyer, “unha das grandes preocupacións e ilusións da escola é facer chegar a música de cámara a públicos e colectivos que teñen dificultade para achegarse a ela, como é o caso dos menores e adultos hospitalizados. E para os novos intérpretes é unha oportunidade importante para tocar en público e mostrar as súas cualidades como músicos cun gran futuro neste eido”.