O músico Pascual Martínez, segundo clarinete da Orquestra Filarmónica da Nova York, formará neste instrumento a intérpretes galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece 7 prazas destinadas a músicos novos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana o recoñecido clarinetista mallorquino Pascual Martínez-Forteza formará neste instrumento tanto aos estudantes da escola como a alumnos externos interesados en perfeccionar a súa interpretación co clarinete.

As clases celebraranse o martes 19 de maio, de 17:00 a 20:00 horas. O mércores día 20 as sesións terán lugar de 18:30 a 19:30 horas. E o venres día 22 as clases serán durante toda a mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Os músicos externos ao centro que desexen participar poderán matricularse a través da páxina web da Escola de Altos Estudos Musicais -www.eaem.es-. Para eles ofrécense un total de sete prazas.

O único músico español en toda a historia da Orquestra Filarmónica de Nova York

Pascual Martínez-Forteza naceu en Palma de Mallorca en 1972. Empezou a estudar clarinete aos dez anos co seu pai, profesor do Conservatorio de Música de Baleares e clarinete da Orquestra Sinfónica de Baleares durante 30 anos. Con 18 anos ingresou na Orquestra Sinfónica de Baleares. Despois de obter o título superior nos conservatorios de Baleares e Barcelona, recibiu unha bolsa para estudar en Estados Unidos. 

É dende 2001 o único músico español en toda a historia da Orquestra Filarmónica de Nova York. Entre 1998 e 2001 foi membro da Orquestra Sinfónica de Cincinnati. Traballou con directores tan prestixiosos como Daniel Barenboim, Lorin Maazel, Zubin Mehta ou Sir Colin Davis, entre outros. Realizou un gran número de concertos como solista en Europa, Asia e Estados Unidos.

É membro fundador do grupo de cámara Philharmonic Chamber Soloists, integrado por músicos da Orquestra Filarmónica de Nova York. É tamén un dos membros fundadores de Vent Cameristic, grupo de ventos creado por músicos profesionais de toda España.