A Real Filharmonía de Galicia interpreta este luns tres sinfonías de Haydn para o público de Vigo

A batuta levaraa o violinista principal da orquestra, James Dahlgren, que leva case unha década tocando coa RFG

A Real Filharmonía de Galicia desprazarase a vindeira semana a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación da cidade. A cita terá lugar o luns, 11 de maio, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o violinista principal da RFG, James Dahlgren.

Nesta ocasión a orquestra interpretará tres sinfonías do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos principais representantes do Clasicismo, coñecido como “o pai da sinfonía” grazas á súa importante contribución a este xénero. O momento decisivo na súa carreira foi en 1761, ano que entrou ao servizo do príncipe Paul Anton Esterházy en Eisenstadt, primeiro como viceministro de capela, ocupándose enseguida de toda a vida musical na corte. Nos primeiros tempos deste período compuxo numerosas pequenas obras e as sinfonías 6, 7 e 8; que son precisamente as que a Real Filharmonía de Galicia interpretará este luns en Vigo. 

Este concerto de cámara comezará coa Sinfonía nº 6 “Le matin”. O título (A mañá) deriva da lenta introdución do primeiro movemento, que representa claramente a saída do sol. De seguido os músicos achegarán ao público a Sinfonía nº 7 “Le midi”, que fai referencia ao mediodía. A actuación concluirá coa Sinfonía nº 8 “Le soir”, a cal evoca á noite.

O dobre papel de director e concertino

O violinista principal da RFG, James Dahlgren, desempeñará o dobre papel de director e concertino. É concertino da Real Filharmonía de Galicia dende o ano 2007. Nacido en California, estudou co prestixioso violinista Zaven Melikian no Conservatorio de San Francisco, nos Estados Unidos. Logo de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e, máis tarde, o de concertino asociado na Orquestra Cidade de Granada.

Tras chegar a Europa traballou como concertino invitado na London Philharmonic Orchestra, Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, Ulster Orchestra, New Zealand Symphony Orchestra, Orquestra Nacional do Porto, Sinfónica de Bilbao, Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orquestra do Gran Teatro do Liceo de Barcelona. É profesor invitado en agrupacións como a Joven Orquesta Nacional de España, a Jove Orquestra Nacional de Catalunya, Musikene ou a Bios Orkestra (estas últimas do País Vasco).

Foi premiado no concurso internacional de música María Canals en Barcelona e mantén unha axenda moi activa, actuando tanto como solista como en formacións de música de cámara. Na actualidade é profesor de violín na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, centro de formación vencellado á Real Filharmonía de Galicia.