Monicreques de entre 2 e 4 metros de altura protagonizan unha innovadora versión de Romeo e Xulieta acompañados da Real Filharmonía de Galicia

A orquestra ofrece esta semana dous concertos didácticos para colexios, o xoves e o venres, e un para familias o sábado na Cidade da Cultura

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de primaria e secundaria no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O primeiro será o xoves día 23, ás 11:00 horas; e o segundo o venres 24, tamén ás 11:00 horas. Ademais, o sábado 25, ás 19:00 horas, a orquestra ofrecerá a mesma actuación, nesta ocasión dirixida ao público familiar na Cidade da Cultura, no Museo Centro Gaiás. A batuta destes concertos levaraa o mestre romanés Mihnea Ignat, director titular e artístico da Orquestra Filarmónica da Universidade de Alacante.

A oquestra interpretará fragmentos de Romeo e Xulieta do compositor ruso Sergei Prokofiev (1891-1953), baseada na historia de William Shakespeare. Os músicos estarán acompañados por unhas marionetas de gran formato, da compañía catalá Títeres Per Poc. Neste caso realizouse unha adaptación para narrador da obra de Shakespeare e os títeres desenvolven a acción sobre a música descritiva de Prokofiev, que dá en cada momento a tensión dramática das escenas.

Nesta versión interdisciplinar de Romeo e Xulieta, de marcado acento poético, a música, os marionetistas e a narración traballan en sintonía para ofrecer unha proposta inédita da traxedia amorosa por excelencia en Occidente. Trátase dunha versión contemporánea, dirixida a todos os públicos, con toda a forza do teatro visual, cunhas marionetas construídas con teas, de diferentes texturas e cores, que teñen uns movementos suaves e lixeiros pero tamén con moita forza e carácter. 

A compañía de monicreques Per Poc traballou oito anos para crear este espectáculo. Segundo indican, buscaban “uns bonecos capaces de loitar con forza, bailar con graza, amar con tanta dozura como paixón, angustiarse cando o destino xira en contra, ter e perder a esperanza, matar, morrer…”. Así, chegaron a uns monicreques xigantescos e lixeiros cuxas texturas e cores prevalecen sobre a expresión facial. Son moi dinámicos e, por tanto, capaces de marcar o ritmo e a tensión dos feitos que conducen ao tráxico final.

O resultado deste espectáculo é unha proposta moi visual, onde a principal protagonista é a música. Os monicreques encárganse de ilustrar a historia para explicar o argumento e mostrar outras formas de traballar coa música clásica. Durante todo o espectáculo, orquestra, música, actores e monicreques interrelaciónanse, mesmo facendo de escenografía a propia orquestra. Para narrar esta historia Per Poc elixiu 15 temas, dos 52 que compoñen a partitura de Prokofiev. 

Uns monicreques moi particulares

A compañía Per Poc propón uns monicreques realizados nunha técnica mixta de marote (na que as mans do boneco son substituídas polas propias mans do manipulador) e bunraku (variedade do teatro xaponés de monicreques do inicio do período Edo, hai uns 400 anos. Estes bonecos viven grazas a Tayu, o narrador, o músico que toca o Shamisen, un instrumento de corda tradicional xaponés e os titiriteiros, manipuladores dos monicreques). O seu tamaño vai dende os 2 aos 4 metros de altura e constrúense sobre a base de teas para que sexan lixeiros e suavemente manipulables, como se fosen bailaríns.

As diferentes texturas e cores dos monicreques escolléronse en función do personaxe que representan. As facianas dos personaxes son máscaras tamén tinguidas pola cor característica do seu protagonista. Outra particularidade destes bonecos é a súa capacidade para transformárense segundo a escena. Así, o vestido de Xulieta será o balcón do famoso abrazo co seu amado Romeo.

A batuta do mestre romanés Mihnea Ignat

O mestre Mihnea Ignat naceu en Romanía en 1980. Estudou Dirección de Orquestra e Composición na Universidade Nacional de Música de Bucarest, onde se licenciou coas máximas cualificacións. Logo realizou o Máster en Dirección de Orquestra na mesma universidade, baixo a tutela do prestixioso director romanés Horia Andreescu. Formouse con grandes mestres. É convidado con frecuencia a dirixir a maioría das orquestras filarmónicas de Romanía. En 2004 funda unha orquestra sinfónica integrada por xoves músicos romaneses. Durante a temporada 2009-2010 ocupou o cargo de director asociado da Orquestra Sinfónica Nacional da República Dominicana en Santo Domingo. Dende 2005 é director titular e artístico da Orquestra Filarmónica da Universidade de Alacante.