A xove pianista italiana Beatrice Rana, de tan só 22 anos, toca esta semana coa Real Filharmonía de Galicia

Interpretará o Concerto para piano nº 1 de Beethoven, baixo a batuta do director francés Fabien Gabel

A orquestra homenaxeará a Mozart con dous concertos, un en Santiago o xoves e outro no Teatro Afundación de Vigo o venres 

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O xoves 16 a orquestra tocará en Santiago, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. E o venres 17 desprazarase a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:30 horas. En ámbalas citas, que representan unha homenaxe a Mozart, levará a batuta o director francés Fabien Gabel.

As dúas actuacións comezarán co Concerto para piano nº 1 de Beethoven (1770-1827). Dos cinco concertos para piano do xenial compositor, alomenos os tres primeiros miraban directamente cara o modelo de Mozart. Os dous foron excelentes pianistas e determinantes no cambio experimentado polo xénero do concerto.

Nesta obra a orquestra acompañará á xove pianista italiana Beatrice Rana, de tan só 22 anos. Nacida no seo dunha familia de músicos, debutou como solista con orquestra aos nove anos. Comezou os seus estudos musicais con catro anos e rematou o Grao de Piano aos dezaseis coa máxima puntuación. Con doce anos recibiu a prestixiosa bolsa do Ministerio italiano de Educación polo seu gran e precoz talento musical. Ao mesmo tempo, asistiu a clases maxistrais en Italia, Francia e Estados Unidos. Con tan só 20 anos sacudiu o mundo da música clásica internacional e espertou a admiración e o interese dos promotores de concertos, directores, críticos e do público en moitos países. Aos seus 18 anos xa atraera a atención internacional tras gañar o primeiro premio e todos os premios especiais no concurso internacional de Montreal en 2011. 

Homenaxe a Mozart

A continuación os músicos interpretarán Homenaxe a Mozart do ecléctico compositor francés Jacques Ibert (1890-1962), realizada por encargo do Servizo de Música da Radiodifusión para conmemorar o bicentenario do nacemento de Mozart. Ibert foi o elixido polo respecto que manifestaba polo homenaxeado, polo seu gusto polos instrumentos de vento, ademais de pola súa proximidade ao neoclasicismo. Cunha orquestración similar á das orquestras de finais do XVIII, a obra presenta harmonías do século XX pero sen deixar de evocar pezas escritas para ventos polo propio Mozart. 

Os concertos rematarán coa Sinfonía nº 36 “Linz” de Mozart (1756-1791), unha das súas sinfonías máis interpretadas. No ano 1783 de regreso a Viena desde Salzburgo, o compositor visitou na cidade de Linz ao conde Thun, quen o recibiu na súa casa con grandes honores. En sinal de agradecemento, Mozart accedeu a participar nun concerto para o que escribiu esta obra, que sorprende pola súa excelencia formal e musical a pesar de escribila en só cinco días, incluíndo a preparación das partes orquestrais e os ensaios para a estrea.

Fabien Gabel é director da canadense Orquestra Sinfónica de Quebec

O director parisino Fabien Gabel pertence a unha familia de exitosos músicos. Empezou a estudar trompeta aos seis anos, perfeccionando as súas habilidades no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, onde se fixo co Primeiro Premio de Trompeta en 1996, e máis tarde na Universidade de Música de Karlsruhe (Alemaña). Despois tocou en varias orquestras de París baixo a dirección de destacados directores. Na actualidade é convidado por agrupacións de todo o mundo. En 2003 realizou o seu debut profesional como director coa Orquestra Nacional de Francia, á que dirixe periodicamente e coa que recentemente gravou un CD de ópera francesa. Entre 2004 e 2006 foi director asistente da Orquestra Sinfónica de Londres. Dende 2012 é director musical da canadense Orquestra Sinfónica de Quebec.