O 15 de maio remata o prazo para solicitar as axudas destinadas a rehabilitar os elementos especiais de madeira e reixas nos inmobles da cidade histórica

O Consorcio de Santiago ofrece o seu servizo aos cidadáns para a elaboración da documentación técnica requirida

O Consorcio de Santiago destinará este ano un total de 150.000 euros en axudas para a rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas nos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago. O prazo para acollerse a estas subvencións remata o vindeiro 15 de maio.

O Consorcio de Santiago ofrece o seu servizo aos cidadáns para a elaboración da documentación técnica relativa ás obras que se pretenden realizar. Os interesados deberán solicitalo, coa maior antelación posible, á Oficina Técnica do organismo.

A finalidade desta convocatoria é mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico. Búscase fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

Os inmobles deberán ter unha antigüidade superior aos 20 anos

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; e as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior aos 20 anos.

Primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira. Tamén se valorará o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda que teñan unha ocupación permanente.