A Real Filharmonía de Galicia inaugura o Festival de Músicas Contemplativas

Acompañará á violinista rusa Alina Pogostkina, que toca un Stradivarius de 1717, baixo a batuta do xamaicano Andrew Gourlay

A Real Filharmonía de Galicia inaugura este venres, 27 de marzo, o IX Festival de Músicas Contemplativas. Este primeiro concerto celebrarase no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Dirixirá a orquestra o mestre xamaicano Andrew Gourlay. Nesta cita reflectirase a paixón polo Clasicismo a través de Haydn, Beethoven e Brahms. Como contraste e complemento, tamén se escoitará a música do compositor finés Jean Sibelius.

O concerto comezará coa Sinfonía nº 49 “A Paixón” do compositor austriaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). É un dos máximos representantes do período clásico, coñecido como “o pai da sinfonía” debido á súa contribución a este xénero. 

De seguido os músicos ofrecerán ao público Romanza para violín nº 2 de Beethoven (1770-1827) e Seis humoresques para violín e orquestra de Sibelius (1865-1957). Estas dúas obras estarán interpretadas pola violinista rusa Alina Pogostkina, que toca un violín Sasserno de Antonio Stradivari de 1717, cedido pola Fundación Musical Nipona. Nacida en San Petersburgo, mudouse a Alemaña, onde recibiu do seu pai as súas primeiras clases de violín e máis tarde estudou na Escola Superior de Música de Berlín. Ten ofrecido concertos por todo o mundo, xunto aos mellores directores e coas orquestras máis prestixiosas. É ademais unha apaixonada intérprete de cámara.

O concerto rematará con Variacións sobre un tema de Haydn do compositor alemán do Romanticismo Johannes Brahms (1833-1897). Compúxose en 1873 a partir dun tema entón atribuído a Haydn. É a súa primeira obra sinfónica adulta.

Un xove director moi laureado en todo o mundo

Nacido en Xamaica, de ascendencia rusa, o director Andrew Gourlay medrou nas Bahamas, Filipinas, Xapón e Inglaterra. Trombonista e pianista de profesión, gañou unha bolsa de posgrao para estudar dirección no Royal College of Music de Londres. Foi seleccionado pola revista Gramophone como o “One to Watch” e pola BBC Music Magazine como o “Star Rising: grandes artistas do mañá”. En 2010 gañou o primeiro premio no Concurso Internacional de Dirección de Cadaqués, o que lle permitiu participar en concertos con 29 orquestras de todo o mundo. Ademais, foi nomeado para ocupar o posto, durante dous anos, de director asistente na Hallé Orchestra e de director musical na Hallé Youth Orchestra.