A Real Filharmonía de Galicia e alumnos do Conservatorio de Santiago ofrecen un concerto para o público familiar este sábado

Tocarán obras de Beethoven, Schubert, Vaughan Williams, do compositor español Jesús Guridi e do arxentino Ginastera

Músicos da Real Filharmonía de Galicia e alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, únense para ofrecer un concerto para o público familiar. A cita terá lugar este sábado, ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia. Os xoves músicos teñen así a oportunidade de tocar, ao lado de músicos profesionais, o repertorio propio dunha grande orquestra. Levará a batuta o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG. 

Con esta iniciativa contribúese á formación dos futuros profesionais da música de cámara en Galicia, xa que os alumnos do Conservatorio teñen a posiblidade de tocar, ao lado de músicos profesionais, o repertorio propio dunha grande orquestra. A actuación comezará co Concerto para tuba do compositor británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958). É considerada a obra máis grande escrita para este instrumento. A ninguén se lle ocorrera antes dedicarlle unha peza concertante á tuba. Dende entón, moitos son os compositores que se animaron a compoñer para este instrumento, dándolle o tratamento de solista. Orixinalmente esta obra considerouse unha excentricidade por parte do compositor inglés, pero axiña se converteu nunha das súas obras máis populares e esencial de todo o repertorio profesional para tuba. Nesta ocasión tocará como tuba solista un alumno do Conservatorio de Santiago, Rafael de la Torre.

Os músicos interpretarán ademais parte de Rosamunda, unha das últimas obras composta polo músico romántico austriaco Franz Schubert (1797-1828). Trátase da música escénica para a obra homónima da escritora Helmina von Chézy, que tan só se representou durante dous días. O fracaso do público levou a que se suspenderan as demais funcións. A partitura de Schubert estivo desaparecida ata que se atopou en 1861.

De seguido a orquestra ofrecerá ao público Diez melodías vascas do compositor vasco Jesús Guridi (1886-1961), unha das súas obras máis destacadas. E tamén tocará as danzas de Estancia, do arxentino Alberto Ginastera (1916-1983), considerado un dos compositores máis importantes do século XX en América Latina. O concerto concluirá coa obertura de Coroliano de Beethoven, centrada na historia do xeneral romano.