O oboísta andaluz Lucas Macías formará neste instrumento a varios músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

É profesor da Escola de Música de Freiburg, en Alemaña

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do oboísta andaluz Lucas Macías. Ademais dos alumnos da Escola, hai tres prazas para músicos externos ao centro.

Para os alumnos externos, as sesións celebraranse os días 4 e 6 de febreiro. O mércores 4 as clases terán lugar pola tarde, de 18:30 a 20:30 horas. E o venres día 6 serán de 11:00 a 13:00 horas.

Os músicos que desexen participar nesta actividade formativa poderán matricularse a través da web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas. Ademais, Lucas Macías tocará coa Real Filharmonía de Galicia o 5 de febreiro no Centro Cultural Abanca de Vigo e o 6 no compostelán Auditorio de Galicia.

Un dos músicos españois máis recoñecido no ámbito internacional

Solista da Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam, da Orquestra do Festival de Lucerna e da Orchestra Mozart de Bologna, o oboísta Lucas Macías é un dos músicos españois máis recoñecido no ámbito internacional. Naceu en 1978 en Valverde del Camino, en Huelva. Estudou no Conservatorio de Zúric. Sendo membro da Xove Orquestra Nacional de España, continuou os seus estudos no Conservatorio de Freiburg (Alemaña). E completou a súa formación na Karajan Akademie da Filarmónica de Berlín.

Como solista ten participado en festivais de todo o mundo e actuado con orquestras de Alemaña, Holanda, Austria, Reino Unido, Suíza, Hungría, Italia ou Rusia, entre outros países; dirixido por grandes mestres. No eido da música de cámara, ten colaborado con ilustres figuras, entre elas Maria Joao Pires. Compaxina a súa actividade concertista coa docencia na Escola de Música de Freiburg.