Conclúe a restauración do relevo situado na fachada do Mosteiro de San Paio coñecido como “a Borriquiña”, que recuperou a súa policromía

As cores estaban ocultas por unha capa de pintura de baixa calidade e de imitación a pedra, que ocupaba case toda a superficie do relevo

Incorporáronse pezas perdidas que caeran e que custodiaban as monxas, como a man e a vara de San Xosé ou a coroa do Neno

O Consorcio de Santiago promoveu a restauración do relevo situado na fachada do Mosteiro de San Paio de Antealtares, na actualidade convento de relixiosas de clausura da orde beneditina. Os traballos, coordinados pola Oficina Técnica deste organismo, buscaban recuperar a autenticidade da obra e garantir a súa conservación futura. Adxudicáronse á empresa Renovatio, dedicada á conservación do patrimonio artístico. Cun orzamento global de 26.843,03 euros, realizouse a limpeza integral do conxunto, a reparación de pezas rotas e a recuperación da súa policromía.

O relevo está situado na fachada coñecida como Porta dos Carros, na Praza de Feixoo, chamada así pola necesidade que noutra época tiñan as monxas de que os carros accederan á horta do convento. De estilo barroco, en concreto do denominado “barroco compostelán”, data de mediados do século XVIII e descoñécese o seu autor. Trátase dunha escultura realizada en pedra granítica policromada, que representa a escena bíblica da Fuxida a Exipto da Sagrada Familia, segundo relata o Evanxeo de San Mateo.

A porta pola que pasaban os carros con comida para o convento

Na parte principal da escena destaca a Virxe María, co Neno Xesús en brazos e montada sobre unha burra. A este elemento débese o nome popular de “Portada da Borriquiña”, que fai referencia á función daquel acceso polo que pasaban os burros e outros animais de carga cos carros que portaban cereais e alimentos diversos para o mosteiro. Á dereita da Virxe está San Xosé a pé e á esquerda destaca a figura dun querubín. Na parte superior está representada a palmeira que deu de comer á Sagrada Familia e un grupo de anxos.

Toda a escena enmárcase debaixo dun arco cunha inscrición en latín e a imaxe dunha pomba, que representa ao Espírito Santo. A inscrición di “FUGE IN AEGIPTUM & ESTO YBI USQUE DUM”, frase que remata no pano que porta o anxo principal e no que se recolle o texto “DICAM TIBI”. Estas palabras aparecen no Evanxeo de San Mateo e pronunciounas o anxo a San Xosé: “foxe a Exipto e permanece alí ata que eu te avise”.

Recuperáronse as cores, os dourados orixinais e varios elementos metálicos

Durante a realización dos estudos previos á restauración descubriuse que todo o relevo estaba policromado con vivas cores. Co tempo foise degradando e perdendo a súa policromía orixinal, que lle aportaba un maior naturalismo ao conxunto. Tal como explica a arquitecta do Consorcio que levou as obras, Idoia Camiruaga, “as cores estaban ocultas en case toda a superficie por un repinte de escasa calidade, realizado posiblemente no século XX. Atopamos ata catro capas de cor, separadas pola súa correspondente capa de imprimación. As máis antigas son preciosas, moi ricas e detalladas”.

A arquitecta sinala que a capa que se recuperou é, en realidade, a terceira policromía aplicada sobre a obra, posto que os expertos comprobaron que as dúas anteriores poderían non estar completas ou en mal estado de conservación. Decidiuse por tanto, deixar esta, que podería corresponder á inscrición da base, que a data a metade do XIX.

Tamén se recuperaron os dourados orixinais, pertencentes á mesma capa pictórica e localizados en motivos concretos como as ás dos anxos, os raios da pomba, as estrelas que decoran a vestimenta da Virxe, a coroa de San Xosé ou a borla do remate do pano que porta o anxo. Ademais, restauráronse elementos metálicos ornamentais como as bridas da burra, a coroa e a vara florida de San Xosé, así como a coroa do Neno Xesús.

O retablo estaba nun avanzado estado de deterioración

O conxunto escultórico atopábase moi sucio e, en aparencia, nun avanzado estado de deterioración. Había, ademais, algunhas perdas. Así, reuníronse pezas do relevo que se consideraban perdidas pero que gardaban as relixiosas do convento, como a man e a vara de San Xosé, a coroa do Neno ou un gran farol que debía estar situado á dereita do relevo. Durante as obras de restauración da fachada completa, levadas a cabo hai anos, recolléronse estes elementos, que corrían perigo de desprenderse e perderse para sempre e puxéranse baixo a custodia das monxas. Trala recompilación de información gráfica por parte dos historiadores e conservadores que desenvolveron este proxecto, na actualidade coñécese con exactitude o sitio orixinal que ocupaba cada unha das pezas.

Por outro lado, en determinados puntos había fendas nas xuntas de unión, o que contribuía a acumular sucidade e excrementos das pombas. As fendas rexuntáronse, restituíndo a cor nalgús casos para non desdebuxar as figuras. Ademais da proliferación de algas e liques nalgunhas zonas da pedra, tamén se detectaron no relevo sinais de reparacións anteriores, algunhas delas pouco coidadosas.