Músicos da Real Filharmonía de Galicia e 53 alumnos do Conservatorio de Santiago celebran este venres dous concertos didácticos para colexios

E o sábado darán un recital dirixido ás familias

Dirixidos polo galego Diego García Rodríguez, interpretarán, entre outras, unha peza do Crebanoces de Tchaikovsky

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela colaboran en diversas iniciativas de carácter musical. Entre estes proxectos destaca a celebración de concertos conxuntos entre músicos da orquestra e xoves alumnos do Conservatorio, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos. Este venres darán dous recitais didácticos para estudantes de primaria e secundaria, ás 10:00 e ás 12:00 horas, no  Auditorio de Galicia. E o sábado, ás 18:30 horas, ofrecerán outro concerto, nesta ocasión dirixido ao público en xeral, en particular ás familias.

Tal como se fixo o ano pasado por primeira vez, nestes concertos participan músicos das dúas agrupacións, un total de 53 alumnos do Conservatorio e 21 compoñentes da Real Filharmonía de Galicia. Ao longo de varias semanas un grupo de músicos da orquestra impartiron, de xeito voluntario, clases aos alumnos do Conservatorio para avanzar na preparación destes recitais.

O director técnico da RFG, Oriol Roch, sinala que con este proxecto e coa implicación tan directa dos propios músicos búscase contribuír á formación dos futuros profesionais da música de cámara en Galicia. “A orquestra colabora para que os alumnos do Conservatorio teñan a posiblidade de tocar, ao lado de músicos profesionais, o repertorio propio dunha grande orquestra. Isto supón un importante reto pedagóxico e unha motivación engadida para os rapaces, que, ademais van ter como público a mozos das súas mesmas idades” -salienta-.

A batuta destes tres concertos levaraa o director galego Diego García Rodríguez, natural do Concello coruñés de Boiro, que mantén unha colaboración habitual coa Real Filharmonía de Galicia. As pezas que se interpretarán son: Pompa e Circunstancia (1ª Marcha) de Edward Elgar, Nun mercado persa de Albert Ketelbey, Obertura de “Il signore Bruschino” de Gioachino Rossini, O crebanoces (Danza china) de Tchaikovsky, Orfeo nos infernos: Galop de Jacques Offenbach e Suite Rodeo: Hoe Down de Aaron Coplan.