O director galego Diego García dirixe a Real Filharmonía de Galicia no tradicional concerto da noite de Reis

A orquestra tocará varias obras de Satie, con textos do propio compositor, que interpretará o actor galego Xosé Esperante

O actor participou en películas como “Mar adentro” e en series de televisión como “Cóntame como pasou” ou “Amar en tempos revoltos”

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra, como cada ano por estas datas, o tradicional concerto da noite de Reis. Nesta ocasión levará a batuta o director galego Diego García Rodríguez. Pola súa parte, o actor Xosé Esperante encargarase de interpretar algunha das obras. A cita terá lugar o vindeiro domingo, día 5, ás 22:00 horas no Auditorio de Galicia.

O concerto arrancará coa obra Sarabande, do compositor francés Claude Debussy (1862-1918), unha figura central na música europea de finais do século XIX e comezos do XX, cuxas innovacións harmónicas abriron o camiño ás novas tendencias musicais. Sarabande é unha peza para piano orquestrada polo seu amigo e tamén compositor francés Maurice Ravel, que fai referencia a unha danza lenta e expresiva orixinaria da América hispana.

A continuación a orquestra interpretará O boi sobre o tellado, do compositor francés Darius Milhaud (1892-1974), unha obra para orquestra sinfónica, desenfadada, cargada de ritmo e sorpresas para o público. Recolle ritmos e melodías de moitas partes do continente americano como o tango ou o jazz, pero sobre todo de Brasil. Foi creada para ser a banda sonora dunha película muda que nunca viu a luz, polo que o compositor aproveitou a música para facer un ballet surrealista. O boi sobre o tellado era o nome dun bar da época en París onde se reunían artistas de toda índole.

O actor galego Xosé Esperante porase na pel de Eric Satie

A segunda parte do concerto centrarase en varias obras do compositor e pianista francés Eric Satie (1866-1925), considerado unha das figuras máis influíntes na historia da música. Trátase dunha selección de cinco pezas: Le Piccadilly, Gnossienne nº 4, La Diva de l´Empire, Sports et Divertissements e La Belle excentrique.

A música complementarase neste caso con textos intercalados escritos polo propio Satie, para o que se contará coa participación do actor galego Xosé Esperante. O intérprete acompañará á orquestra no escenario e, tal como el mesmo manifesta, “o meu obxectivo é que o público non me vexa como un narrador senón como un personaxe, é dicir, que tentarei que a miña presenza en escena teña unha dimensión teatral. Convertireime en Satie polo que, sen dúbida, a maior dificultade será estar á altura da súa intelixencia”. O actor, a través das reflexións do compositor, descubriralle ao público o particular mundo interior deste xenio, así como a súa visión do tempo artístico e social no que viviu.

Xosé Esperante naceu en 1976 en Escarabote, na localidade coruñesa de Boiro. Unha casualidade levouno a deixar o seus estudos de Historia na Universidade de Santiago para dedicarse á interpretación. Ten participado en obras teatrais como “Peter Pan”, “O retrato de Dorian Gray” ou “Ensaiando a Hamlet”. O seu debut no mundo da longametraxe tivo lugar en 2001 na película “Ilegal”. Despois participou como actor de reparto en filmes como “O lapis do carpinteiro”, “O ano da carracha”, “Malas temporadas” ou “Mar adentro”, entre outras. Na pequena pantalla ten aparecido en series como “Cóntame como pasou”, “O comisario” ou “Amar en tempos revoltos”.

O director galego ten dirixido A Traviata, Carmen, As Vodas de Fígaro ou Madama Butterfly en diversos países como Francia, Inglaterra ou Polonia

O director galego Diego García resalta que este concerto céntrase en “tres compositores fundamentais do século XX”. E salienta que cada unha das colaboracións que ten feito coa Real Filharmonía de Galicia foron “fantásticas experiencias. Tiven a sorte de poder traballar con eles repertorios bastante dispares e o resultado sempre foi moi gratificante”. En relación ao futuro da música de cámara en Galicia sinala que “a canteira de músicos galegos xa leva en funcionamento dende hai anos, e en canto aos profesionais non hai máis que botar unha ollada ao panorama musical en Galicia, España e Europa. O que hai que facer é valoralos como se merecen, non só artisticamente senón tamén socialmente”.

Diego García tamén naceu en Escarabote, no concello coruñés de Boiro. Pianista de formación, crea o proxecto "Galicia XXI" xunto co frautista Luís Soto. Os seus recentes e próximos compromisos inclúen A Traviata no Thèâtre de Caen (Francia), Carmen na Opera Baltycka (Polonia) ou As Vodas de Fígaro en Londres. En 2010 a London Sinfonietta selecciónao para participar no seu primeiro programa de xóvenes directores. E en Inglaterra ten dirixido obras tan recoñecidas como Madama Butterfly de Puccini ou Le nozze di Figaro de Mozart.